Varias organizacións suman forzas nunha alternativa fronte á revisión do Plan Forestal que impulsa a Xunta

montes

Após unha primeira xuntanza acordaron presentar alegacións conxuntas ao documento elaborado por Medio Rural para a primeira revisión do Plan Forestal de Galiza e convocar unha manifestación para o 28 de outubro na defensa dun monte vivo, sostíbel e multifuncional.

A Consellería de Medio Rural elaborou un documento para a primeira revisión do plan forestal de Galiza e até o 5 de outubro poden presentarse achegas ao mesmo. Unha serie de organizacións e entidades veñen de participar nunha xuntanza na cal puxeron en común a súa interpretación do documento, acordando presentar o 3 de outubro un documento con alegacións conxuntas ao texto de Medio Rural.

 

Non foi esta a única decisión adoptada nesa asemblea, na que tomaron parte as entidades que compoñen a Alianza Rural Galega [CIG, Fruga, Adega, Organización de montes veciñais en man común), Sindicato Labrego Galego, Asociación de Traballadores de Incendios Forestais de Galiza (Atrifoga), ou a Asociación de criadores de ovino e Caprino (Ovica). Tamén decidiron, explica a Sermos Galiza Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes, convocar para o 28 de outubro unha manifesación en Compostela.

 

“O documento de Medio Rural ten unha visión unicamente forestalista e de incautación dos montes veciñais”, afirma Pereira, que enmarca a proposta “na política nefats para os montes que leva aplicando o PP nestes anos”. O presidente da Orgaccmm incide en que o documento para a primeira revisión do Plan Forestal “non é producto do consenso”, como anuncian desde a Xunta. Por iso, aquelas entidades e organización que acreditan noutro modelo para o monte galego, “multifuncional e sustentábel”, impulsen un grupo de traballo para construír unha alternativa ao plan forestal.