Saúde

Un 'vaper' con sabor a cancro fronte aos 'influencers' que incitan a mocidade a consumir tabaco

A AECC advirte do dano dos 'vapeadores' nos pulmóns. (Foto: Nós Diario)
A AECC lanza unha campaña para previr o consumo de produtos derivados do tabaco en todas as súas formas, tamén no caso dos 'vapeadores', e alerta dunha "estratexia clara por parte da industria do tabaco por acceder aos mozos" a través de contidos dixitais e promocións con persoeiros de referencia en redes para a mocidade.

Máis de 51 millóns de 'seguidores' novos están expostos ao tabaco pola publicidade e o resto de contido que presentan nas redes sociais os influencers do Estado español. Así o conclúe un estudo elaborado conxuntamente pola Asociación Española contra o Cancro (AECC) e a consultora de comunicación e estratexia dixital Lasker. A investigación fixo unha selección e revisión de contidos de 450 perfís de influencers das categorías 'estilo de vida', 'gamers' ou 'celebridades' da televisión en Instagram, TikTok e YouTube. Do total dos perfís analizados, "25% publicaron contidos relacionados co tabaco nos últimos seis anos", explicou en rolda de prensa esta segunda feira un dos responsábeis do estudo, Jorge López.

Os contidos creados por estes máis de 100 influencers alcanzaron uns 182 millóns de persoas en todo o mundo, das cales case un terzo (28%) ten entre 18 e 24 anos, o que supón un público mozo superior aos 51 millóns de seguidores. Deles, cando menos a metade residen no Estado español.

A situación empeorou desde a pandemia da Covid-19, cunha tendencia ascendente no volume de publicacións relativas a produtos de tabaco, xa que antes de 2020 había un 8% de publicacións mostrando tabaco e en 2022 o dato medrou até 45%. No tocante ás canles nas que se detectou maior impacto en mozos e mozas de produtos relacionados co tabaco, 57% do alcance do chamado 'fume dixital' atópase en YouTube, seguido de Instagram (25%) e TikTok (18%).

Este dato concorda coa tipoloxía do influencer, xa que os 'gamers' son, con 56%, os que cando xeran 'fume dixital' máis impactan na poboación nova, sendo YouTube unha das súas principais canles. Os influencers relacionados con televisión, plataformas 'baixo demanda' e demais que aparecen fumando nos seus perfís representan 28% do total, seguidos do segmento 'estilo de vida' (5%) e música (4%). En canto á audiencia, dos 51 millóns de seguidores mozos e mozas de entre 18 e 24 anos, 37% son mulleres, fronte a un 63% de homes.

Analizados os contidos por formato ou tipoloxías de tabaco, 46% dos contidos corresponden a 'vapeadores', outro 46% son cigarros e o 8% restante engloba puros, pipas, cachimbas e outros produtos semellantes. En conclusión, o estudo advirte que hai "unha estratexia clara por parte da industria do tabaco por acceder aos mozos, xa que en 33% dos contidos analizados aparecen marcas de tabaco", detallou Jorge López.

Ante esta realidade, a AECC lanzou no marco da súa última campaña o 'Vaper Cancro Flavour', un dispositivo "con sabor a cancro", que simula ser un vaper e busca concienciar sobre a importancia de previr o cancro derivado do consumo de tabaco en calquera das súas formas.

A AECC fai fincapé en que os novos dispositivos non son unha alternativa ao tabaco tradicional. "A pesar de que a industria os disfrace de cores rechamantes e sabores amábeis, as consecuencias para a saúde son tan negativas como que son un factor de risco para o desenvolvemento do cancro. 'Non vapear' é un acto de prevención", resaltou a responsábel de Prevención da asociación, Karen Ramírez.

O consumo de tabaco é a primeira causa de morte que se podería previr no mundo, e tamén é o principal factor de risco en cancro que podemos evitar. Estímase que o tabaco é responsábel de 30% de todas as mortes por cancro. Fumar está relacionado con 16 tipos de cancro, sendo responsable de 84% dos casos de cancro de larinxe ou de 82% dos de pulmón.