A Coruña

Vandalizan a mostra sobre a fame de Acampa pola Paz

Un dos espazos da mostra de Acampa na Coruña. (Foto: Nós Diario)
"En todo caso, servirá de exemplo da sociedade na que estamos inmersos", apuntou o coordinador da rede Acampa pola Paz, Xosé Abad.

O campo de interpretación da fame do Encontro Acampa pola Paz, que se celebra na Coruña até este sábado, rexistrou actos vandálicos na madrugada desta sexta feira, segundo informou o coordinador da rede, Xosé Abad.

Na rolda de prensa ofrecida esta sexta explicou que, aínda que a idea inicial era fechalo cun valado, descartouse porque a reflexión á que o Acampa pola Paz pretende convocar "tamén ten que ver co ocorrido esta noite".

"O ano pasado esnaquizaron e roubaron varias das fotografías expostas; isto parece unha simple canallada nunha noite de botellón pero debe levarnos a pensar que estamos a facer mal na educación dos mozos", indicou.

"Parece unha simple canallada pero debe levarnos a pensar que estamos a facer mal na educación dos mozos", di Abad

En concreto, na madrugada a exposición situada nos xardíns de Méndez Núñez rexistrou actos vandálicos, tras aparecer rotas algunhas pezas, alén de subtraerse outras, segundo expuxo Abad.

Tamén apareceu esnaquizada a mostra de comida lixo que había no espazo dedicado á obesidade. Así, romperon a figura que protagonizaba o espazo dedicado á guerra e levaron a figura que rebuscaba no contedor de lixo.

Agora, segundo informou, Acampa tratará, na medida do posíbel, de repor as pezas. "En todo caso, servirá de exemplo da sociedade na que estamos inmersos", concluíu o coordinador da rede.

Xornada de clausura

Este sábado conclúe a mostra coas intervencións do director de Amnistía Internacional no Estado español, Esteban Beltrán, e a activista senegalega Fatima Mbengue, que debaterán sobre as solucións para rematar coa inseguridade alimentaria, na mesa 'Erradicar a fame é posíbel', moderada pola xornalista Teba Chacón (19.30 horas).

Tamén se dará entrega nesta xornada dos II Recoñecementos Acampa á Defensa dos Dereitos Humanos, contra as 13.30 horas, a María González Rollán, responsábel do eixo Dereito á Vida, de Ca-minando Fronteras, e Guillermo Fernández Obanza, Mito, alma máter de Ecodesarrollo Gaia. No acto actuará a Agrupación Donaire.