Vandalizan unha exposición feminista sobre saúde mental nas rúas de Vilagarcía

Paneis vandalizados en Vilagarcía de Arousa. (Foto: Asociación O Soño de Lilith)
A persoa responsábel ou responsábeis deste ataque provocaron desfeitas en varios paneis da mostra.

A exposición feminista sobre saúde mental que se exhibe estes días nas rúas de Vilagarcía de Arousa sufriu actos vandálicos nos dous últimos días.

A persoa responsábel ou responsábeis deste ataque provocaron desfeitas en varios paneis da mostra, que forma parte do Festivala: Mulleres Creando, un encontro cultural feminista organizado polo Soño de Lilith e o Concello de Vilagarcía de Arousa.

Segundo informou o colectivo feminista través das súas redes sociais, os feitos foron xa denunciados ante a Policía Nacional española, que abriu unha investigación sobre os feitos.

A mostra foi inaugurada na xornada do sábado e aborda a situación da saúde mental desde unha perspectiva de xénero.  Neste sentido, o Concello de Vilagarcía de Arousa mostrou a súa condena por este acto vandálico, que atribúe a un ataque ao Soño de Lilith.

"A acción non representa o espírito aberto e a tolerancia que caracteriza a inmensa maioría dos vilagarciáns e vilagarciás", resalta o Goberno local, que convida a participar nas actividades do Festivala programadas  para os próximos días.

Festivala

O pasado 20 de agosto tivo lugar a presentación do encontro cultural na Praza da Galiza de Vilagarcía de Arousa. Ese mesmo día abriu ao público a exposición ‘Festivala: saúde mental’, a vandalizada nas ultimas xornadas, que estará dispoñíbel até o vindeiro 5 de setembro.

Xa o 26 de agosto, a Praza da II República acollerá varias sesións musicais a cargo das artistas KDJ, La Yaya Dj e Señora Dj.  O día seguinte, 27 de agosto, será a quenda da Banda da Loba na sesión vermú, e de De Vacas, Kumbia Quues e Sofía Dj pola tarde. Ese mesmo día 27 decorrerá o obradoiro ‘Mani.Festa.Acción téxtil da plusvalía non remunerada’.

En setembro, o auditorio municipal acollerá o día 3 o obradoiro ‘A Sáude Mental, nas diferentes etapa da muller’, coas psicólogas Ánxela Abelenda Pose, Merche Calo Suárez e Sandra M. Fernández Román da Asociación Mulierem.

Por último, o 7 de setembro terá lugar o Cineclube Festivala noSalón García. Durante o mesmo, proxectarase a longametraxe ‘We need to talk about Kevin’, da directora de orixe escocesa Lynne Ramsay.