Valongo, en Portugal, di adeus aos eucaliptos para plantar sobreiras

Eucaliptos queimados en Portugal (Imaxe: Nós Diario).

En 2017, o Goberno portugués anunciaba unha moratoria para a plantación de eucalipto, que daquela ocupaba 26% da superficie forestal en Portugal, onde o movemento ecoloxista se ten posicionado en contra da eucaliptización. Agora é Valongo, municipio do distrito de Porto, quen di adeus á especie invasora e quen anuncia a plantación de sobreiras.

O municipio de Valongo, da área metropolitana de Porto, desbotou a renovación do contrato de explotación da madeira de eucalipto na parte leste da serra de Santa Xusta. Decidiuse reconverter esa parte do monte para plantar especies autóctonas. Así, en outono, prevese a plantación de 2.960 sobreiras.

A decisión afecta un total de sete hectáreas de eucaliptal, froito do protocolo de cooperación asinado na quinta feira entre a Xunta de Freguesía de Valongo e a Metro do Porto.

O Parque das Serras de Porto anunciou na quinta feira que “a Xunta de Valongo, que ten participado con gran proactividade no proxecto do Parque das Serras do Porto, tomou a decisión de non renovar un contrato antigo de explotación de madeira de eucalipto, estando a súa propiedade na parte leste da Serra de Santa Xusta, que gradualmente será reconvertida para floresta nativa”.

A citaba área foi obxecto de estudos académicos da Facultade de Ciencias da Universidade de Porto e dunha experiencia de inoculación de tapóns de eucalipto con fungos para evitar o seu estoupido.

En 2019 xa se reconverteran catro hectáreas coa plantación de sobreiras e piñeiros.

A sobreira en Portugal

A sobreira foi elixida Árbore Nacional de Portugal desde 2011, debido á grande importancia económica, social e ambiental que representa para o país, nomeadamente a través da explotación sustentábel da cortiza e por contribuír á preservación da biodiversidade.

De feito, trátase dunha especie protexida pola lexislación portuguesa desde 2001.

A loita contra o eucalipto

En 2017, o Goberno portugués aprobou unha moratoria até 2030 para a plantación de eucalipto, especie que se situou nas últimas dúas décadas como a primeira na superficie forestal de Portugal. Ocupaba, daquela, 26% do monte e máis de 800.000 hectáreas, e desbancaba como especie principal o piñeiro bravo.

A medida coincidiu no tempo coa publicación do "Manifesto por uma Floresta Não Discriminada", coa adhesión de ex ministros e tamén compañías do sector papeleiro e entidades agrarias.

A decisión do Goberno portugués, porén, provocou a reacción de sectores económicos e políticos contrarios a esas medidas e tamén tivo eco na Galiza, pois The Navigator Company, a antiga Portucel e principal pasteira de Portugal, anunciou o seu desembarco na Galiza para plantar eucalipto.