As validacións universitarias para FP baten con Madrid

Os centros recomendan ao alumnado cursar as materias malia ter solicitada a validación.
O alumnado con estudos universitarios que trate de convalidalos por módulos de FP teno cada vez máis complicado. Os centros recoñecen que a tramitación, que só realiza o Ministerio de Educación, acaba cada vez máis en denegación, que ademais chega unha vez iniciado o curso. 

Un trámite que depende directamente do Ministerio de Educación está levando alumnado galego de ciclos de FP superior con estudos universitarios a realizar módulos que, pola súa formación, poderían ter convalidado. Confírmano centros de formación da Coruña, Compostela e Vigo, que censuran unha crecente e moi elevada taxa de denegacións e, segundo o caso, tamén unha longa tramitación, que leva a que esas validacións cheguen mediado o curso ou mesmo cando a estudante solicitante xa completou o módulo e ten a nota. "Un agravio", observa Arturo Iglesias, docente no CEIP Ánxel Casal da Coruña, quen cuestiona que esta tramitación teña que realizarse en Madrid, tendo a Xunta transferidas as competencias educativas.

Desde a Consellaría de Educación apuntan que a convalidación de ensinanzas universitarias por módulos de Formación Profesional é unha competencia exclusiva do Ministerio de Educación, e que as competencias que ten Galiza por transferencia acóutanse á homologación de estudos extranxeiros non universitarios.

"Aquí hai dous problemas, un político, por non poder xestionalo na Galiza, e outro de tramitación, porque non ten sentido que o alumnado se vexa obrigado a duplicar estudos", critica o profesor, que chama, canto menos, a reducir os prazos de validación para evitar esas duplicidades.

No Politécnico de Vigo recoñecen que a tramitación acurtouse de forma considerábel nos últimos anos. Onte mesmo recibían a última resolución das ordinarias –quedan outras, pero cun trámite diferente–, da ducia que realizan de forma anual.  Porén, desde a dirección do centro o que perciben é unha crecente denegación das solicitudes. "Son moi restritivas, non se concede practicamente nada", sinalan. 

No Politécnico de Compostela admiten que a taxa de validación "é baixa", se ben expoñen que o trámite, ao contrario do que ocorre para validar títulos de FP superior en materias universitarias, é complexo, e confirman que os tempos son "moito menores" que anos atrás. "Na Universidade hai unha visión máis científica ou académica, mentres que aquí as competencias son máis prácticas. Resólvese caso por caso, non existe unha táboa, e unha validación dun ano non significa que se vaia conceder ao seguinte", razoan no servizo de Orientación deste centro.

Desde o centro de formación vigués opoñen que a baixa taxa de convalidación está obrigando alumnado con títulos en Enxeñaría ou Dereito –abundante neste centro– a cursar módulos para os que xa está formado. "Estase penalizando a quen descende do grao ao FP", lamentan.

Segundo confirman nos tres casos, os atrancos son máis cando os currículos que se envían están en galego. "O Ministerio non os admite e a Universidade non quere enviar os programas en castelán. Temos chegado a reenviar unha solicitude até en tres ocasións", relatan desde Vigo. Na Coruña critican, na mesma liña, a imposibilidade de remitir a documentación no idioma propio, porque neses casos o procedentos esténdense aínda máis, ao requirir tradución.