Valentín, o santo que a igrexa deixou de celebrar

Namoradas, namorados de boa parte do mundo han trocar presentes este domingo para conmemorar o día de San Valentín, o santo que a igrexa deixou de celebrar.

Valentín tería sido un mártir vido a santo grazas á política do emperador Claudio II, cara á fin do século III. Nos primeiros censos de mártires, preparados nos comezos da era cristiá, hai polo menos tres con nome de Valentín. Un de orixe e condición descoñecida tería sido torturado e morto na África. Foi mártir e non pasou de aí. Os outros dous foron bispos que traballaron en Roma e, unha vez mortos, sepultados en diferentes locais da Via Flamínia. Un destes, ou os dous, foron santificados por Xulio IV, Papa.

Un dos bispos con nome de Valentín parece ser que se dedicaba a amañar casamentos de soldados do imperio que logo pretendían librar da guerra aludindo a condición de casados. O emperador prohibira tal práctica, porque, segundo dicía, os casados, mesmo indo á guerra, tiñan menos rendemento que os solteiros. O caso é que nos corpos militares do emperador (non sei hoxe como sería) non se atende moito a sentimentos nin á saúde sexual dos seus soldados. E publicou un edito: “Por orde do emperador fago saber que Valentín, bispo, non poderá celebrar máis casamentos...".

E pasou o que pasou. O bispo continuou coas súas prácticas, prendérono,  levou uns paus e, finalmente, quedou sen cabeza. Uns séculos despois comezou o reparto dos seus restos (sempre foi moi rendíbel comerciar con ósos de santo) e mesmo en Madrid, na igrexa de San Antón, hai pouco tempo que o cura encontrou no sótao restos de Valentín. Tamén en Italia, na igrexa de Santa Praxedes hai fémures e algúns ósos menores. Ósos de santo.

Mais tampouco o emperador tivo moita visón de futuro porque a xente seguiu xuntándose, casase ou non, seguiu intentando librar de guerras estúpidas e sobre todo seguiu facendo festas. Son as chamadas festas lupercais, en homenaxe a Fauno Luperco (referente a "lupus", lobo, ou Pan para os gregos). Esa entidade protexía os pastores e os rabaños e as festas eran celebradas por volta do 15 de febreiro de cada ano, cinco semanas antes do inicio da primavera. Para daquela o imperio xa non era imperio nin era nada. Por iso, cara a final do século V, o Papa Xelasio I decidiu reivindicar o día de San Valentín e pouco a pouco foi esmorecendo a festa de Fauno Luperco. Pero a igrexa nunca confiou moito nesta festa; El Corte Inglés, si.

O caso é que en 1969 a Igrexa deixou de celebrar esa festividade e ese aniversario alegando dúbidas sobre a identidade e mesmo sobre existencia do santo. Un santo borrado dos santorais!

Mais claro, isto trae un problema. É certo que na Galiza só un: os veciños da parroquia de San Valentín de Fene, se non hai santo, cando celebran a festa do patrón?. Ademais da brutal reconversión do naval, teñen tamén que soportar agora a reconversión festeira?

Menos mal que chegou Francisco desde Buenos Aires e puxo algo de cordura neste asunto. E Valentín volve ao curral dos santos, dos santos celebrados. Unha iniciativa do Consello Pontificio para a Familia. Foi con máis de 20.000 parellas reunidas na Praza de San Pedro.

PD.

San Valentín, ademais de santo patrón dos amantes, tamén é dos doentes de epilepsia. E en Italia, en recoñecemento destas propiedades, dedicáronlle un selo de correos en 1988. Non cadran moito as cousas porque daquela xa non se celebraba o seu santo.