40 BENS CULTURAIS DO NOSO PAÍS, NA 'LISTA VERMELLA'

Valedores do noso patrimonio

Galiza é un país con centos de bens culturais espallados polo territorio, pegadas vivas dun pasado rico, complexo e variado. Ante o desleixo institucional, múltiples iniciativas sociais defenden e preservan un legado patrimonial único. Falamos con algunhas delas.

 

Un grupo de persoas de diferentes ámbitos sumaron esforzos para poñer en marcha 'Patrimonio Galego', unha ferramenta para poder ter un Catálogo Social do patrimonio cultural galego, "unha especie de Wikipedia do Patrimonio", como resumen con retranca os seus promotores. Decidiron dar o paso perante a realidade "de que non sabemos cantos bens culturais hai en Galiza", en palabras de Manuel Gago, xornalista, experto en patrimonio e un dos responsábeis deste proxecto aberto. Nas 24 páxinas da relación de Bens de Interese Cultural (BIC) inscritos no Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galiza 'son todos os que están mais non están todos os que son'. Patrimonio Galego leva catalogados máis de 6.500 bens culturais ao longo e ancho de toda Galiza. Na súa 'lista vermella' (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco) hai 40, cifra que vai aumentando coas denuncias e avisos de catalogador@s .

“Unha das grandes ameazas para o patrimonio vén do abandono e desertización do rural”, di Carme Varela, do Sorriso de Daniel

Desde hai anos agroman en Galiza iniciativas, asociacións e colectivos que pulan por valer e facer valer o patrimonio galego. Desde O Sorriso de Daniel (centrada no románico galego) até Ardóbriga (da área de Pontedeume e Miño, traballa en aspectos do patrimonio inmaterial como a microtoponimia), pasando por Calmoseira (Cambados, preservando e dinamizando o patrimonio mariñeiro) ou Buxa, que se centra no patrimonio industrial. Son só 4 exemplos dunha longa listaxe de proxectos comprometidos co legado do País.

Carme Varela, secretaria de O Sorriso de Daniel, ve no patrimonio románico -no que se centra o colectivo- "unha oportunidade para o rural", algo a ter moi en conta nestes tempos de alerta demográfica. Falar do románico en Galiza supón facelo de moito máis que os 800 edificios que - "nun grao de conservación desigual"- abrangue este estilo. Por iso Carme cita na conversa con Sermos Galiza Cunqueiro ("En Galiza até o aire que se respira é románico") ou Otero Pedrayo (nunca estivo Galiza tan en forma como no tempo do románico"). "Nós non facemos recuperacións integrais, senón pequenas intervencións", aclara Varela. Iso si, sempre "como primeiro paso, contactamos coa veciñanza e o asociacionismo local".

"A administración vai por detrás da xente", afirma manuel sendón (FGCMF)

Un dos exemplos da involucración social en Galiza -mesmo posta de exemplo a nivel internacional- nestas últimas décadas na defensa e recuperación do patrimonio é o acontecido co patrimonio marítimo, nomeadamente as embarcacións tradicionais. "Quedaban vivas poucas tipoloxías: a dorna, a gamela...os barcos tradicionais deixábanse morrer nas praias ou mesmo queimábanse por vellos nas fogueiras de San Xoán", lembra Manuel García Sendón, presidente da Federación Galega de Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), que integra na actualidade 46 asociacións de Galiza e mesmo algunhas do norte de Portugal.

Fotografías: Soledad Felloza

A reportaxe completa a dupla páxina tela no Sermos Galiza nº136, xa na loxa e nos pontos de venda habituais