A Valedora Universitaria estima que anular as xornadas sobre prostitución foi "un grave erro"

As xornadas ían celebrarse na facultade de Socioloxía da Coruña.
A Valedora da Universidade da Coruña conclúe que a decisión pola que o ente académico decidiu, en setembro de 2019, anular as xornadas sobre traballo sexual que se ían desenvolver ese mes na facultade de Socioloxía foi "un grave erro", que supuxo "un mal precedente para a Universidade" e que impediu ademais "exercer dereitos fundamentais á organizadora, aos poñentes e ás persoas inscritas".
 

A actividade, que fora aprobada meses antes pola Universidade da Coruña (UDC) e que ía recibir unha achega económica para o seu desenvolvemento, foi suspendida poucos días antes do seu inicio após as presións de colectivos abolicionistas, baixo o argumento dunha "imposibilidade de garantir a seguridade do debate nin a súa calidade académica", dado o "forte rexeitamento, fustigación e crueldade" sufrido nos días previos. Finalmente, tiveron lugar no centro social A Comuna da mesma cidade.

No informe de resposta á alumna organizadora pola "discriminación e maltrato" que supuxo aquela decisión, a Valedora sinala que "ceder ante as violencias das persoas que cren que desa maneira poden mudar decisións colexiadas, ou ceder ante as presións das persoas que desde a súa posición cren que teñen dereito a atacar a autonomía e procedementos da Universidade, só serve para que volten repetir o seu proceder noutras ocasións".

"Na Universidade debe falarse de todo e para todos, unicamente non se pode abordar aquilo que as leis prohíben, que en ningún caso é o tema que nos ocupa", expón no informe, que nas  súas conclusións incide en que as xornadas non deberían terse anulado "porque estaban aprobadas seguindo os procedementos estabelecidos na UDC". Segundo estima, as persoas responsábeis do equipo de Goberno da UDC e da facultade "deberon terse mantido firmes na celebración das xornadas", de cara a manter o respecto pola autonomía e os procedementos da Universidade, e polos dereitos das persoas implicadas.

Con estes criterios, e ante a solicitude da organizadora dun espazo e fondos para poder realizar unha actividade similar á rexeitada en 2019, a Valedora resolve que "ten que poder celebrarse con todas as garantías e con toda a normalidade", en caso de cumprir os requisito da convocatoria e ser aprobada.