A valedora pide "perspectiva de xénero" na habilitación de aseos públicos para evitar episodios como na Maruxaina

Manifestación convocada en San Cibrao, en Cervo, en apoio ás 87 mulleres afectadas polas gravacións das festas da Maruxaina (Foto: Bumei)

A valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, instou o Concello de San Cibrao a que actúe con "perspectiva de xénero" na planificación das infraestruturas e servizos públicos co fin de evitar que se repitan as gravacións sen consentimento a 87 mulleres ocorridas mentres ouriñaban durante as festas da Maruxaina de 2019 en San Cibrao, que foron colgadas en webs pornográficas.

Así o traslada nun expediente de oficio aberto pola institución no que se analiza o informe presentado polo concello no que se especificaban as medidas tomadas nas festas da Maruxaina, así como as empresas contratadas -á vez que se admitía a posibilidade de "dotar de máis casetas sanitarias para futuros eventos"-.

A valedora do Pobo chega á conclusión de que é "necesario" un "cambio de actitudes" e "garantir a seguridade de mulleres e nenas" nas vilas e cidades.

Por esta razón, alude a unha localización e acceso aos aseos públicos que "necesariamente, ten que ser segura".

Tamén lembra un informe elaborado pola Asociación de Festivais de Música en colaboración con Gabeiras e Asociados, iniciativa que foi parcialmente subvencionada pola Dirección Xeral de Industrias Culturais e o Ministerio de Cultura e Deporte, no que se asegura que "a cantidade de cabinas instaladas" en espectáculos públicos "van moi axustadas a unha normativa desenvolvida en 1982 e que está desactualizada".

Todo isto ocorre tras o arquivo provisional dun xulgado de Viveiro das denuncias presentadas, que provocou o impulso de recursos por parte da Asociación de Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei) -que exerce de acusación popular- así como de varias afectadas a título particular e de entidades como o Consello Galego das Mulleres.

No texto presentado por Fernández Galiño, afírmase que a realidade que se contempla demostra que "aínda existe quen non repara, e moi gratuitamente, de maneira premeditada e indiscriminada, provocar a humillación" ás mulleres "só por selo", cunha invasión da súa intimidade "evidente".

Con todo, apela a non confundir "a responsabilidade de quen se comportou así" coa da Administración, aínda que afirma que en eses eventos "o problema pode darse, como se deu".