A valedora lamenta a "criminalización" da mocidade e pide que non volva ser "a damnificada" desta crise

Sede da Valedora do obo.
Fernández  Galiño presentou a memoria da  Valeduría  do  Pobo do 2019.

A  valedora  do  Pobo, María Dolores Fernández  Galiño, lamentou a " criminalización" que, ao seu xuízo, se fai dos mozos e mozas nestes momentos polas actitudes dalgúns durante a pandemia, á vez que chamou a traballar para que non volvan ser "os damnificados" como o foron na crise económica de hai unha década.

Díxoo na súa comparecencia ante a Comisión de Peticións do Parlamento de Galiza, onde esta sexta feira presentou a memoria da  Valeduría  do  Pobo do 2019.

Alí, a  valedora avanzou que a memoria de 2020 que se presentará o próximo ano diferenciará as queixas e investigacións relacionadas coa pandemia das demais, o que permitirá ter "unha radiografía" do ocorrido.

Para Fernández  Galiño, a reactivación económica debe "poñer o foco no centro do persoal de coidados" e contar coas persoas maiores, de quen dixo que "dicir que son os grandes prexudicados, queda curto".

"Na reactivación teñen que estar as persoas maiores. Hai que escoitalas e que teñan liberdade para  elixir como queren vivir o que queda de vida", incidiu.

Así mesmo, Fernández  Galiño advertiu da "criminalización" dos mozos e mozas que, aínda que recoñeceu que algúns "o están facendo mal" á hora de seguir as medidas impostas polas autoridades para controlar a pandemia, enfróntanse a un panorama no que poden volver ser os "grandes damnificados" polas consecuencias sociais e económicas que trae a crise actual.

Así, lembrou que na crise financeira e económica iniciada en 2008, os mozos "tiveron que tomar un camiño vital condicionado" ao contexto e que, agora, pode  volver a se dar ese escenario.