A Valedora do Pobo investigará a repercusión da maternidade na carreira das científicas galegas

Valedora Pobo

A Valedora do Pobo, Dores Fernández Galiño, informou que analizará a repercusión que a maternidade ten na carreira investigadora das mulleres científicas na Galiza para coñecer os datos en relación á igualdade de trato e de oportunidades.

Nun comunicado remitido aos medios, a valedora deu conta do inicio desta investigación de oficio con motivo da celebración o próximo día 11 de febreiro, do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

A institución sinalou que "unha das principais liñas estratéxicas definidas" por Dores Fernández na súa etapa á fronte da institución é a "efectividade do dereito fundamental á igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes".

"É urxente analizar a situación do persoal investigador e, en particular, a repercusión que a maternidade ten na carreira investigadora das mulleres científicas", apuntou.

Segundo apuntou, trátase de definir e avanzar nas actuacións para a efectividade do dereito á igualdade das mulleres investigadoras na carreira científica no seo das universidades e centros de investigación en Galicia.