A valedora do Pobo chama a atención sobre a afectación da pandemia ás persoas LGTBI

A valedora Dolores Fernández e a vicevaledora María Xosé Porteiro nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press)
BNG e PSdeG alertan do elevado número de queixas en sanidade e política social e o PPdeG destaca a colaboración da Xunta coa Valedoría

A valedora do Pobo, María Dolorres Fernández Galiño, chamou a atención sobre a "particular" afectación da pandemia da Covid-19 nas persoas LGTBI durante a súa comparecencia no pleno da Cámara galega, no que se trataba o seu informe correspondente ao ano 2020.

No hemiciclo, mostrou a súa preocupación sobre a situación vivida polas persoas LGTBI que tiveron que convivir durante o confinamento domiciliario cunha familia que "non acepta a súa orientación sexual ou identidade", así como polas que, en xeral, se ven obrigadas a convivir "forzosamente" en espazos onde "esta orientación ou identidade non está recoñecida polos demais".

A valedora do Pobo fixo fincapé na situación de "soidade" que atravesan as persoas deste colectivo que son usuarias de residencias, así como a "imposibilidade" de que durante a pandemia se poidese seguir a facer reunións dos grupos de apoio.

33% das queixas; seguida de Política Social, co 20%, e Educación co 13%

Outro aspecto sobre o que incidiu durante a presentación do informe da Valedoría do Pobo ante o pleno da Cámara e despois de que o documento xa fose debullando en comisión parlamentar, foi a paralización dos trámites xudiciais durante a primeira onda da pandemia, que determinou "unha demora nos expedientes de cambio de sexo". Fernández Galiño detallou que todos estes asuntos foron abordados en reunións con asociacións de defensa dos dereitos das persoas LGBTI e que, ademais, a institución tramitou unha queixa de oficio despois de coñecer polos medios "a existencia dun procedemento xudicial de cambio de sexo rexistral con informe desfavorable ao non ter a persona solicitante un diagnóstico de disforia".

"O que nos ensinou a historia e no que coinciden todos os estudos é que nun desastre comprométense os dereitos humanos", manifestou a valedora do Pobo, que lembrou que "dun día para outro" se entrou nunha fase de confinamento.

"A Valedoría empezou a recibir queixas e chamadas nas que se manifestaban situacións derivadas do confinamento, das limitacións de liberdades de deambulación e reunión, da situación sanitaria, do peche da actividade económica, das medidas de protección, das probas diagnósticas, da ausencia de ingresos, do corte de subministracións básicas...", sinalou.

Neste sentido, explicou que a pandemia motivou a apertura de 33 investigacións de oficio entre o 14 de marzo e o 21 de xuño, fronte ao tres iniciadas no mesmo período do ano anterior. "Un total de 222 queixas e investigacións específicas de Covid-19 recibidas desde o 14 de marzo até o 21 de xuño", sinalou a valedora, que incidiu en que "a situación xerada polo primeiro confinamento e as posteriores restricións deron lugar a unha lóxica preocupación pola garantía dos dereitos, especialmente os das persoas máis vulnerables".

Un contexto no que o traballo da institución aumentou "en todos os sentidos". Así, incrementouse o número de asuntos, a cifra de persoas que pediron atención ou asesoramento, as actuacións, as actuacións de oficio, así como o número de resolucións, entre outras.

A primeira en intervir despois da valedora foi a deputada do PSdeG Noelia Otero, quen considerou que o informe presentado por Fernández Galiño dá conta da "factura" do impacto da Covid sobre os servizos sociais, danados por anos de políticas de "desmantelamento e privatización" da Xunta.

Otero advertiu que máis da metade das queixas rexistradas pola Valedoría do Pobo refírense a problemas na sanidade e na política social, que "reflicten a situación dos dereitos sociais no noso país" e "ilustran sen dúbida onde está e onde non está a vontade" do Goberno galego. Así, sinalou que Sanidade recibiu o "33%" das queixas; seguida de Política Social, co 20%, e Educación co 13%.

Pola súa banda, o parlamentario do BNG Daniel Castro tamén lamentou que para "sorpresa de ninguén" as áreas con máis queixas sexan as de sanidade, política social e educación, "con graves críticas e queixas no referido á vivenda".

"O informe vén dicir o de sempre, o que lle vimos dicindo á Xunta desde hai anos... Que cando levamos toda a vida criticando o seu modelo de vivenda pública, de residencias, de sanidade, que tiñamos razón", sostivo para lamentar que unha de cada tres queixas teñan que coa sanidade, especialmente con "as listas de espera".

Despois de citar tamén os "atrasos en dependencia" e a pouca "presenza do público" en política social, referiuse tamén ás queixas recibidas en relación ás políticas de vivenda. Ademais, aproveitou a súa intervención para pór en valor que cada vez máis persoas se comuniquen con esta institución en galego e lamentou a "grandísima diferenciación de queixas" entre o mundo urbano e o rural.

Despois da intervención da oposición tomou a palabra a parlamentaria do PPdeG Paula Prado, quen destacou que "ao longo de todo o informe intúese unha moi boa colaboración" da Administración galega coa institución". "Mostra que a Valedoría non se percibe como un ente inquisidor, senón como un ente colaborativo que axuda ás diferentes institucións a prestar mellores servizos", apuntou.

Ademais, despois de que os grupos da oposición referísense ás reclamacións en sanidade, dixo que "é normal que sexa o servizo con máis queixas" tendo en conta que é un servizo no que traballan uns 44.000 profesionais e ao que "acoden centos de miles de persoas a diario".