A Valedora do Pobo admite a trámite a queixa da Anpa de Baamonde

Protesta ás portas do colexio. (Foto: ANPA do CEIP de Baamonde)
Iniciará as "actuacións oportunas" ante a Consellaría de Educación e o Concello de Begonte polo anuncio do fechamento do colexio.

A Valedora do Pobo anuncia a admisión a trámite da queixa da Anpa Bidueiros, do CEIP de Baamonde, e a Asociación Veciñal Montenegro de Baamonde, por mor da pretensión da Xunta da Galiza e o Concello de Begonte de fechar o colexio para o vindeiro curso 2021-22.

Deste modo, a Valedora dá un prazo de quince días ao concello e a Consellaría de Educación para "facilitar información" a respecto do anunciado fechamento.

As familias lamentan que esta decisión non foi consensuada con elas: "Non houbo audiencia nin consultas de ningún tipo, senón que tal decisión adoptouse unilateralmente e xustificouse coa instalación dunha escola privada de música nas instalacións do CEIP de Baamonde, malia atoparnos inmersos na pandemia por mor do coronavirus", aseguran.

Así mesmo, consideran que este anuncio non atende "ás pautas das autoridades sanitarias" nin á "perspectiva de xénero" (en referencia á conciliación familiar).

"O colexio é un servizo esencial que non vai obter ningunha mellora —e probablemente sufra un empeoramento— coa pretendida xuntanza dos dous colexios do Concello de Begonte no CEIP de Begonte", engaden.

A Consellaría considera o feche "unha aposta valente"

No Pleno do Parlamento da Galiza desta cuarta feira, en resposta a preguntas da bancada socialista, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, considerou "valente" a aposta do alcalde de Begonte de fechar o colexio de Baamonde e "mellorar os servizos educativos" reunificando a todo o alumnado nun mesmo centro de ensino.

"Non convén xerar un alarmismo innecesario nin promover falsos debates", expresou, facendo fincapé en que o edificio se destinará a un conservatorio de música "que impulsará e desenvolverá o concello.