A Valedora do Pobo admite a denuncia sobre o Centro de Saúde de Seixo, en Marín

Protesta da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo no mes de agosto (Nós Diario).
A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos, amósase "satisfeita" pola decisión.

A Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos e asociacións das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no concello de Marín, informou nun comunicado que a Valedora do Pobo vén de "admitir a trámite a denuncia presentada sobre o Centro de Saúde de Seixo".

Este anuncio prodúcese despois de que a Plataforma puxese en coñecemento da Valedora do Pobo "as consecuencias de non cubrir as vacacións e a xubilación do persoal, así como o grave prexuízo sufrido pola veciñanza por parte da Xunta e o desamparo en que a deixou o goberno municipal de Marín e a Alcaldesa Ramallo". 

A Plataforma amósase "satisfeita" de que a Valedora "investigue os recortes na asistencia sanitaria que levan a que hoxe teñamos un médico para atender 2.200 persoas de dous cupos porque a Xunta non cobre o médico xubilado".

De feito, consideran que "o feito de non cubrir xubilacións nin vacacións é a orixe dos problemas nun consultorio que antes do 15 de xullo dispoñía de atención presencial e non tiña listas de espera e que, agora, no cupo do médico xubilado chega a máis de 20 días de espera para unha cita telefónica".

Desde a Plataforma presentaron un documento “fundamentado xuridicamente” no que buscan “defender o dereito á protección da saúde e a unha atención sanitaria digna a través de demandar a cobertura do persoal de maneira permanente e estábel, e a posta en marcha de servizos como pediatría ou fisioterapia” e agardan que a apertura deste proceso por parte da Valedora do Pobo sirva para “dar un primeiro aviso ao goberno da Xunta.

Nese sentido, indican que "agora a Xunta terá que informar das súas actuacións á Valedora do Pobo" a pesar de que "tentaron por todos os medios tapar os problemas no Centro de Saúde que deron pé ás denuncias e mobilizacións da Plataforma". 

Parello á denuncia, desde o 15 de agosto, a Plataforma activou unha campaña de reclamacións por escrito da veciñanza e animan a todas as persoas que teñan demoras nas citas a que "cubran a folla de reclamacións" que facilitan por Facebook.