Dezasete comarcas soben a alerta laranxa pola onda de calor

A comarca de Santiago estará en nivel 2 de alerta (laranxa). Na imaxe a rua do Hórreo na capital esta terza feira (Foto Nós Diario).
Valdeorras mentén o nivel vermello, o máximo, de alerta. As patoloxías, malia as altas temperaturas, non aumentan, segundo o Sergas.  

O Comité Permanente de Coordinación da Xunta da Galiza, no marco das actuacións fronte aos posíbeis efectos das altas temperaturas sobre a saúde, notificou esat terza feira a través dun comunicado que mantén aínda o nivel 3 de alerta (vermello), o máximo, para toda a comarca de Valdeorras. 

Ademais, aumentan de nivel, e pasan a 2 (laranxa) as comarcas de Eume, Terra de Melide, Arzúa, Xallas, A Barcala, Compostela, As Mariñas, A Mariña, A Terra Chá, Meira, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Chantada, Terra de Lemos e Quiroga. Por último, incorpóranse ao nivel 1 (amarelo) as comarcas de Ortegal, Ferrolterra, A Coruña e Bergantiños.  

Segundo a previsión meteorolóxica facilitada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático (Meteogaliza), esta cuarta feira seguirá a ser un día con máximas por riba dos 40ºC no Miño, ao seu paso polas comarcas de Ourense, e Valdeorras. Unha maior parte do resto do país contará con temperaturas que non baixarán dos 34ºC. 

Na xornada de onte, as temperaturas máximas déronse na comarca de Valdeorras, concretamente nos municipios de Vilamartín de Valdeorras, con 42,9 ºC; e Larouco, con 41,9 ºC. A comarca de Ourense non quedou atrás e marcou a terceira máxima con 41,8 ºC.

Pola contra, as mínimas estiveron na comarca da Limia, co municipio de Calvos de Randín, con 10,4 ºC, como a máis baixa, seguido de Xinzo de Limia, con 12,9 ºC. A terceira temperatura máis mínima foi en Vilalba (A Terra Chá), con 13,5 ºC.

Non aumentaron as patoloxías

En relación á situación nos centros médicos por esta vaga  de calor, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou onte en rolda de prensa que este verán está a ser, polo momento, "tranquilo no que respecta á atención sanitaria", sen "incrementos significativos das patoloxías asociadas á calor".

Ante esta situación a Consellaría de Sanidade segue a trasladar unha serie de consellos á poboación galega, como beber máis líquidos do habitual sen esperar a ter sede, evitar bebidas quentes ou alcohólicas, comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas; así como usar roupa lixeira de tecidos naturais e aplicarse crema solar para protexerse.