O Valadouro rexeita o anteproxecto dunha nova central hidroeléctrica

O Cadramón desde a estrada de Abadín a Ferreira do Valadouro.
Todos os grupos con representación na corporación municipal rexeitan o anteproxecto excepto o PSOE, partido do alcalde, Edmundo Maseda.

O alcalde do Valadouro, o socialista Edmundo Maseda, ficou só na cuarta feira, no pleno da corporación municipal, na votación do anteproxecto para a posíbel construción dunha central hidroeléctrica reversíbel no Xistral.

Todos os grupos con representación excepto o PSOE, negáronse a apoiar o anteproxecto de construción da central baseándose en diferentes posturas, aínda que toda a oposición coincidiu na falta de transparencia e claridade do plan. Maseda voltou a tratar o tema nun pleno extraordinario e insistiu en que o Concello se pronunciará "cando o proxecto sexa definitivo".

Reclaman un referéndum

Desde o BNG, a través do seu portavoz municipal, Eduardo Chao, insisten na idea da celebración dun referéndum par que o conxunto da veciñanza poida decidir acerca da construción da central. 

O alcalde di "non comungar" coa idea e, por tanto, non se mostra disposto a convocar ningunha consulta popular. Ademais, Chao denunciou que "non se sabe nada dos empregos nin de canto beneficio económico deixará no concello".

A veciñanza síntese "abandonada"

A Plataforma de Veciñas e Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica Xistral di sentirse "abandonada polas administracións locais e considera que os concellos non defenden a veciñanza". Para alén diso anuncia que "non permitirán a desinformación" e, por ese motivo, convoca unha reunión informativa hoxe, ás 20.30 horas no Pavillón Municipal de Alfoz. Ademais denuncian que "o impacto medioambiental non  interesa, o importante son os supostos grandes beneficios económicos".

Augas da Galiza tamén rexeita a central e indica que o seu "informe é negativo".