Crónica

"Vainos a vida nisto": da lista de espera de Marita á desesperación de Raúl, a Galiza que defende a sanidade ateigou Compostela

A manifestación ateigou as rúas compostelás. (Foto: Europa Press)

Miles de persoas ateigaron Compostela este domingo para denunciar as políticas sanitaria da Xunta da Galiza ao longo destes 14 anos de Gobernos do PP. Da Mariña ao Rosal, de Valdeorras a Fisterra, unha maré humana citouse na capital galega para mandar unha mensaxe: “Rueda, a nosa saúde importa”.

Antonio leva anos vendo pasar manifestacións en Compostela. El, xubilado, apóstase na praza de Galiza para miralas. É un lugar de espreita privilexiado, onde viran as mobilizacións dúas veces: unha, ao saír da Alameda —lugar tradicional de arranque das manifestacións nacionais— e torcer cara ao Ensanche. Outra, ao emproar a zona vella entrando pola Porta da Mámoa. Así pois, estes anos de vixía testemuñan que Antonio sabe de manifestacións. E a deste domingo é grande, confirmou. “Hai un monte de xente”, dixo. “Esta é das grandes, si señor, das moi grandes”, concluíu, após ver durante máis dunha hora como pasaban fronte a el riadas de xente.

Antonio non erraba. Miles e miles de persoas ateigaron Compostela na mañá deste domingo para secundar a manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública contra as políticas sanitarias do Goberno galego do PP. “Vainos a vida nisto”, resumía Elena, de Ferrol, a importancia desta moblización. "Pedín unha cita para o pediatra para o neto e déronme para máis dunha semana. Home, para aquela ou sana ou morre", enfatiza.

Unha desas miles de persoas presentes onte na capital galega tamén era Marita, que viña de Vigo. “Levo máis dun ano esperando por unha resonancia, non aturo a dor que teño nas costas e disque son prioritaria para atender, pero diso nada de nada, xa estou desesperada”, sinala en conversa con Nós Diario.

“É unha vergoña”

Xosé vén de Chantada. “Queremos que se repoñan os médicos e se cubran as xubilacións”, indica. “Estes días estivemos sen pediatra e moitas veces as urxencias están sen cubrir”, comenta mentres marcha tras a pancarta que reclama “Chantada quere sanidade”.

Chantada, Barbanza, A Mariña, O Rosal, Marín, Morrazo, Compostela, A Coruña, O Carballiño, O Salnés, Verín... As faixas das distintas comarcas ían espalladas ao longo da multitudinaria manifestación. Antonio, desde a súa atalaia na praza de Galicia, manifestaba a súa sorpresa por algunhas: “Mira, de Viveiro, eses veñen de lonxe, sonche 2 horas mínimo para vir e outras 2 para volver. Aquilo é case Asturias, sabes?”.

Aldán, de Moaña, apunta que de alí veñen catro autobuses para participar na manifestación. María corrobora con forza a presenza de veciñanza desta localidade do Morrazo na manifestación: “Levamos 144 semanas manifestándonos todos os domingos, leváronnos as Urxencias e fáltanos médicos”, indica. “É unha vergoña o que están a facer coa sanidade”, engade Manuel.

Ataúdes

Os de Cabo de Cruz, no concello de Boiro, chegan á manifestación portando dous féretros para simbolizar o “RIP da sanidade pública”. Lévanos a ombros mariscadores a frote da Confraría deste porto do Barbanza mentres lembran que “somos mariñeiros, non furtivos”.

Cadaleitos simbolizando a 'morte' da sanidade pública. (Foto: Nós Diario)

Raúl, de Ourense, está anoxado. “A min desde o Sergas dixéronme de ir operarme á privada, a conta dos cartos públicos, e negueime. É unha vergoña, non ten nome. En vez de meter diñeiro na pública para ter máis persoal e máis medios, optan por pagar á privada”.

“Non imos baixar os brazos”

“Saúde pública en perigo, defendámola”, defendíase desde a faixa principal que encabezaba a manifestación que rematou na praza do Obradoiro, onde se procedeu á lectura coral do manifesto. Cada un dos 13 puntos do escrito foi lido por un portavoz dunha plataforma comarcal en defensa da sanidade pública.

“Todo o mundo coñece a situación lamentábel a Atención Primaria na Galiza”, manifestou en declaracións aos medios Manuel Martín, portavoz da plataforma convocante. “A situación non permite máis dilación, é a hora de tomar decisións”. “Non imos baixar os brazos”, manifestou Martín, que denunciou que durante estes 14 anos a Xunta só apostou pola “privatización e o desmantelamento”. Manuel Martín chamou a reverter esta situación: "É a hora de tomar decisións. Se non hai un cambio na política sanitaria, haberá que cambiar os responsábeis".

Á protesta acudiron as e os representantes das principais forzas políticas da opoisición. Para a portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, esta manifestación xorde dunha sociedade que se opón a que "o PP deteriore os servizos públicos a costa da saúde dos galegos e galegas". A nacionalista comprometeuse a aprobar un 'plan de rescate' da atención primaria dotado con 200 millóns de euros e fai un chamamento á mobilización o vindeiro 18-F: "Se queremos defender a sanidade pública, ademais de mobilizarnos hoxe temos que facelo o 18 de febreiro. A papeleta que defende a sanidade é a do BNG".

Pola súa parte, o candidato socialista, José Ramón Gómez Besteiro, dixo que "antes cando chamabas ao médico de cabeceira podía atenderte ao día seguinte", algo que na Galiza, após 15 anos de gobernos do PP, asegurou, "xa non existe". O PSdeG asegura que ampliará o número de profesionais, nomeadamente en especialidades moi minguadas como a Pediatría, para "garantir unha verdadeira sanidade pública"

Pola súa parte, a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, afirmou que o próximo 18 de febreiro será o "fin das políticas de desastre e desmantelamento dos dereitos e da saúde dos galegos" que deixaron "en coma" á sanidade pública galega.

A  secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, acusou a oposición de "buscar rédito político" ao "financiar" a protesta convocada este domingo pola Plataforma SOS Sanidade Pública en Santiago de Compostela.