Vai permitir a Xunta ampliar a mina de Corcoesto até ocupar 8.900 campos de fútbol?

[Imaxe: SG]

A plataforma veciñal Salvemos Cabana soubo de novas solicitudes de explotación na procura de ouro nos concellos de Coristanco, Ponteceso e Cabana de Bergantiños. Malia estar aínda pendentes de se resolver, puido confirmar que foron solicitadas pola mesma empresa, a canadense Edgewater, e que afectaría até 8.900 hectáreas


Galiza é unha mina, di unha campaña publicitaria da Xunta que pouco a pouco está a se tornar real. 

As últimas informacións que manexa a plataforma veciñal Salvemos Cabana a respecto do proxecto mineiro de Corcoesto, nos concellos de Coristanco, Cabana de Bergantiños e Ponteceso, confirman unha ampliación dos permisos de explotación que a Xunta concedeu á empresa canadense Edgewater até afectar unha superficie dunhas 8.900 hectáreas ou o que é o mesmo, por volta de 8.900 campos de fútbol. Cómpre recordar que o proxecto inicial na parroquia de Corcoesto ocupaba 700 hectáreas.

Os colectivos contrarios á explotación mineira cualifican a permisividade da Xunta como "absolutametne demencial" e alertan de que nas terras que se pretenden adxudicar á empresa canadense hai "grandes masas forestais e superficie agrícola produtiva". Din @s detractor@s co plan de Edgewater que as dimensións do proxecto deixarían pequeno calquera cálculo anterior no caso de que estas solicitudes --que están pendentes de se resolver e publicar no DOG-- se aprobasen. Aínda que polo de agora o único nome que se coñece é o da mineira canadense, Salvemos Cabana non descarta que haxa algunha empresa máis en disputa polos terreos. 

Así as cousas, a semana pasada o DOG publicaba a concesión dunha nova licenza que permitirá a Edgewater procurar ouro en 630 hectáreas, para alén das 700 que xa tiña concedidas, coñecéronse agora outras 250 cuadrículas mineiras pendentes de adxudicación e solicitadas pola mesma compañía baixo o epígrafe 'Grupo Julia', tal e como informou Salvemos Cabana aos medios de comunicación. Cada cuadrícula supón un espazo de 30 hectáreas. En global, a superficie afectada na zona podería chegar ás 8.900 hectáreas, denuncia a plataforma veciñal, que rexeita rotundamente "o modelo que a Xunta pretende para o territorio galego.