Vaga de solidariedade con Causa Galiza e Ceivar

causa galiza manifestación Foto GZcontrainfo

Organizacións políticas e sociais rexeitan a petición da Fiscalía de 102 anos de cárcere para 12 militantes independentistas e a disolución da formación política e organismo antirepresivo.

Da Galiza mais tamén de Catalunya, Euskal Herria, Francia ou Madrid. As mensaxes de apoio a Causa Galiza e Ceivar perante a petición da Fiscalía da Audiencia Nacional chegan a través das redes sociais desde diferentes territorios, mais os máis importantes, os que se dan na propia casa.

Así, organizacións como a UPG, Anova, Movemento Galego ao Socialismo, Briga, Xeira, Isca, Anticapitalistas Galiza, Galiza Nova, Mar de Lumes e o BNG de localidades como Valdeorras expresaron o seu rexeitamento a esa petición de 102 anos de cárcere para 12 independentistas e disolución de Causa Galiza e Ceivar.

Representantes como Néstor Rego (eleito o 10N deputado do BNG para o Congreso) ou Rubén Cela (da Executiva Nacional do BNG) criticaron o intento de “criminalización” do independentismo. “Toda a solidariedade com Causa Galiza e Ceivar frente às montagens repressivas contra o soberanismo”, sinalou Rego. “Por moitos intentos que haxa de criminalización do nacionalismo, os inquisidores do s.XXI non poderán acabar coa nobre causa da loita pola liberdade dos pobos e o seu inalienábel dereito á autodeterminación. , escribiu Cela.

Tamén Antón Sánchez, “máis represión do Estado español que persegue xudicialmente a defensa dunhas ideas. Mentras os fascistas, barra libre, poden enaltecer o franquismo a cotío”, portavoz nacional de Anova e un dos portavoces do Grupo Común de Esquerda, rexeitou a demanda da Fiscalía. Ao igual que a deputada dese grupo Paula Quinteiro, que denuncia a “terrible mostra da involución autoritaria desde Réxime que criminaliza ideas e organizacións.”

Voces como a de Suso de Toro, nas letras, Dionisio Pereira ou Helena Miguélez Carballeira, no campo da investigación, tamén mostraron a repulsa contra ese paso da Audiencia Nacional; así como a Fundaçom Artábria no dos centros sociais. Margarida Corral, secretaria confederal de Mulleres da CIG, tamén  se sumou ás críticas. 

Peñas e colectivos de seareiros, como o Celta de Vigo Hooligans, tamén denuncian a "montaxe" da Audiencia Nacional contra o independentismo galego.

Desde Catalunya chegaron apoios como o da organización Arran, a da membra da dirección da Crida Nacional Pilar Calvo ou o de Aleix Sarri, asesor de Quim Torra e xefe de canmpaña de Junts per Catalunya. De Euskal Herria voces como a de Pernando Barrena, histórico lider da esquerda abertzale e actual eurodeputado de EH Bildu.

O Movemento Antireptresivo de Madrid tamén mostrou o seu apoio e solidariedade para coas persoas imputadas, así como, desde Francia, Secours Rouge (Socorro Vermello).