A vaga de incendios na Galiza supera as 51.000 hectáreas calcinadas

Chandrexa de Queixa. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O de Chandrexa de Queixa, sen controlar, suma xa 17.500 hectáreas arrasadas.

A Galiza leva máis dunha semana sufrindo unha vaga de incendios sen control que calcina máis de 51.220 hectáreas, a maioría na provincia de Ourense que mantén vixente a Situación 2. Así, segundo o último informe ofrecido pola Consellaría do Medio Rural, na mañá deste domingo, atópanse sen extinguir un total de 18 lumes.

O de Chandrexa de Queixa, após unificarse co rexistrado en Mormentelos, en Vilariño de Conso e que xa é o máis grande da historia da Galiza, segue crecendo e alcanza as 17.500 hectáreas afectadas. O segundo en maior extensión arrasada é o incendio de Oímbra, na parroquia da Granxa, que segue avanzando e afecta a 11.000 hectáreas calcinadas.

Tamén se atopan activos os lumes da Mezquita, na parroquia de Esculqueira, que xa calcina 9.500 hectáreas e o lume de Maceda, no que se uniron os incendios de Santiso e Castro de Escuadro, e afecta 3.000 hectáreas.

Ademais, seguen activos os lumes de Vilardevós, na parroquia de Vilar de Cervos (900 hectáreas); Vilardevós, na parroquia de Moialde, (500 hectáreas); Vilardevós, na parroquia de Fumaces e a Rube (100 hectáreas); Larouco, parroquia de Seadur (6.000 hectáreas); Xinzo de Limia, parroquia de Gudín (150 hectáreas); Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes (1.300 hectáreas); Beade, parroquia As Regadas (100 hectáreas); e San Cibrao das Viñas, parroquia de Rante (20 hectáreas).

Estardas cortadas e sen conexión ferroviaria con Madrid

A primeira hora do domingo, 17de agosto, as estradas N-525 nas Estibadas e a OU-533 no Bolo atópanse cortadas debido aos incendios. Segundo a Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a N-525 ten a circulación interrompida desde o quilómetro 178 en Guimarei ao 181 nas Estibadas en ambos os dous sentidos da circulación. Pola súa parte, a estrada autonómica OU-533 está cortada á altura de Outardepregos desde o quilómetro 41 até o 41.1 en sentido crecente debido ao fume e ao po dos incendios.

Renfe informou á primeira hora deste domingo de que a circulación de trens entre Zamora e Ourense segue interrompida polos incendios, do mesmo modo que a circulación de trens de alta velocidade entre a Galiza e Madrid.

Tamén está suspendida temporalmente a circulación entre A Rúa e Vilamartín, aínda que os viaxeiros desa liña poden coller un autobús entre Ponferrada e Ourense. Tamén poden recorrer a este servizo os viaxeiros do Alvia 1625 entre A Coruña e Barcelona.