A vaga de gripe acrecenta o "colapso" dunhas Urxencias que se atopan en situación límite

Os corredores do servizo de Urxencias do CHUS, en Compostela, este pasado 7 de xaneiro. (Foto: Cedida)
Esta sexta feira 41 pacientes tiveron que esperar amoreados nos corredores do CHUS.

"Os virus respiratorios colapsan unha sanidade galega que xa está saturada de por si durante todo o ano". Esta é a diagnose que fan diferentes plataformas e sindicatos sobre a saúde da sanidade pública no noso país. A vaga epidémica da gripe golpea Galiza no comezo do ano 2026 e leva ao límite a capacidade do persoal sanitario. Desde SOS Sanidade Pública, Manuel González Moreira asegura que "se se está mantendo a capacidade de resposta é polo esforzo dos profesionais que atenden como poden situacións complexas".

Esta sexta feira, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS de Compostela denunciaba que 41 pacientes, con diagnose grave, estiveron agardando nos corredores a ser atendidos. “Temos constancia de que o colapso é permanente e que os corredores de acceso están todos os días cheos”, sinalan. O presidente do colectivo, Fernando Abraldes, cifra en 430 as persoas atendidas nas últimas 24 horas "cunha presenza maioritaria de persoas maiores con problemas de virus respiratorios". Indica que, malia que a Administración galega reitere que esta situación de "colapso" se debe a este preciso momento de vaga epidémica,"realmente hai un problema de fondo, con médicos internistas que demandan un incremento do cadro de persoal para atender os usuarios".

Outra das áreas máis afectadas é a de Vigo. Nesta época, as consultas en Urxencias chegan a 600 nalgúns días, mentres que o resto do ano a cifra rolda as 400 por día.  Este incremento é resultado da gripe. "O que máis sorprende é que o número de ingresos que se produciu neste período é superior ao doutros anos, superando 20%", sinala Pilar Rodríguez, responsábel da CIG-Saúde nesta área. Antes esta situación, o persoal sanitario está "ao límite" e convoca paros cada tarde ás 17 horas para denunciar esta situación e solicitar reforzos.

En Pontevedra, a situación non é diferente á do resto da Galiza. O colapso provocou que varias intervencións cirúrxicas non urxentes tivesen que ser pospostas para poder dar atención a aquelas persoas que acudían con síntomas gripais. E a mesma tónica no Hospital da Coruña, cun "colapso grave e continuado", denuncian os profesionais.

A pegada da gripe

A Consellaría de Sanidade, en resposta ás preguntas deste medio, rexeitou esta sexta feiravalorar a situación actual máis alá de limitarse a apuntar, como xa sinalara o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, na quinta feira, que a gripe mantén unha "incidencia baixa con tendencia decrecente", aínda que nos últimos 15 días houbo máis de 50.000 urxencias por gripe no país. As hospitalizacións sitúanse nun 15%, máis de 3.000 no que levamos de tempada. Así mesmo, a taxa de hospitalizacións incrementouse practicamente en todas as áreas sanitarias. E a maior presión nas Urxencias na segunda quincena de decembro soportárona Ourense e Vigo.

O conselleiro situou a vacinación como o "piar fundamental" para facer fronte aos virus respiratorios. O número de persoas vacinadas na Galiza contra a gripe chega a 900.ooo.  Destaca a taxa nos maiores de 80 anos (82,5%); de 63% nos maiores de 65 anos e, no caso do persoal sanitario, son xa perto do 66% (12% máis que o ano pasado).

A falta de persoal azouta tamén a Atención Primaria

A CIG acusou esta sexta feira o Sergas de iniciar "un novo período de recortes" no punto de atención continuada (PAC) do Morrazo, que atende a poboación de Cangas e de Moaña e que durante varios días da semana pasada funcionou con menos persoal do estabelecido. Desde o sindicato aseguran que "o pasado domingo só estivo dispoñíbel a metade do cadro médico que correspondería segundo o Plan Funcional do Sergas vixente antes da unificación dos PAC". A falta de persoal médico "non é un feito puntual, senón unha situación recorrente", sinalaron desde a CIG.

Tamén esta sexta feira, centos de persoas concentráronse ante o centro de saúde de Vilalba (A Terra Chá) para reclamar ao Sergas unha atención sanitaria "pública, digna e de calidade". A mobilización contou co apoio unánime de todos os grupos políticos.