A vaga de calor causa 45 mortes na Galiza

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, que segue sen remitir. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

62% dos óbitos desde 8 de xullo polas altas temperaturas son de mulleres.

A Xunta descativa esta terza feira a alerta pola vaga de calor.

45 persoas mortas na Galiza na actual vaga de calor. Entre 8 de xullo —data en que a Xunta decretou a altera por calor— e 15 de xullo, as altas temperaturas provocaron a morte na Galiza de 45 persoas, unha cifra que triplica os falecementos na anterior vaga, a mediados do mes de xuño, e que foron 14.

O Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MoMo) do Instituto Carlos III recolle día a día as persoas falecidas no Estado por altas temperaturas. Nesas xornadas en que a Galiza estaba en alerta vermella pola calor extrema, os falecementos por este motivo tamén teñen xénero: feminino. Desas 45 persoas falecidas, 28 son mulleres, o que representa  por volta de 62%.

En canto a idades, son as persoas de maior idade as que padecen máis o impacto da vaga de calor. 34 das falecidas tiñan máis de 85 anos.

Non só no sur da Galiza

O Sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas  tamén debulla os falecementos por provincias. A de Pontevedra é a que rexistrou máis mortos a causa da vaga de calor neses días: 21. O sur desta provincia foi unha das zonas do Estado que rexistrou temperaturas extremas e unha calor abafante. Outra das áreas que a pasada semana tivo temperaturas sobre os 40º, Ourense, rexistrou neses cinco días nove falecementos atribuíbeis ás altas temperaturas. Na Coruña foron 12 e en Lugo, cinco.

221 mortes nun ano

O MoMo atribúe ás temperaturas o falecemento de 221 persoas na Galiza entre 16 de xullo do ano pasado e a pasada sexta feira, 15 de xullo. Nese mesmo período as persoas que perderon a vida por esas mesmas circunstancias no conxunto do Estado foron por volta de 3.500.

A mortaldade como consecuencia das vagas de calor é cada vez máis preocupante. A prestixiosa revista The Lancet rexistraba  máis de 356.000 persoas falecidas por mor da calor extrema en 2019.

A relación entre a calor extrema e a mortaldade

Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático, Saúde e Medio Ambiente Urbano do Instituto de Saúde Carlos III, explica que "a mortalidade que se atribúe á calor moi poucas veces é directamente por un golpe de calor". O que realmente fai a calor, afirma, "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas". A consecuencia máis extrema dese agravamento é a morte. "A primeira vaga de calor leva á mortalidade aquelas persoas que están máis graves", indica. "Cunha maior duración, o impacto vaise acumulando". A maioría das falecidas na Galiza estes días eran persoas de máis de 84 anos, con patoloxías previas.

A Xunta desactiva a alerta

A Xunta, a través do  Comité de Plan de Calor, informou que hoxe desactívase en todo o territorio galego a alerta por vaga de calor, iniciada o pasado día 8 de xullo.