As vacinas contra o virus do papiloma humano tamén son para homes

As infeccións causadas polo virus do papiloma humano (VPH) están presentes, ademais de en mulleres, na poboación masculina. De feito son os homes os principais transmisores. Alén de ser a causa do cancro de cérvix e de vulva, o VPH tamén aparece na maioría dos cancros anais e de pene, o que fai necesaria a implantación da vacina tamén para eles, defenden profesionais da sanidade. Eis un extracto da reportaxe publicada ao respecto no número 349 do semanario en papel Sermos Galiza.

O virus do papiloma humano é un conxunto de numerosos axentes infecciosos pertencentes á familia dos papillomaviridade. Actualmente coñécese que cando menos cen destes patóxenos supoñen un perigo neoplásico (unha formación anormal de carácter tumoral) para a poboación, que pode ser de alto ou de baixo risco oncolóxico. Dentro do primeiro grupo están clasificados 13 tipos de virus, entre os que se atopan o VPH 16 e o VPH 18, responsábeis do cancro de útero, mentres que no segundo están identificados o VPH 6 e o VPH 11, causantes de verrugas xenitais.

A infección do papiloma humano é, ademais, a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente entre a poboación. Ambos os sexos son portadores asintomáticos da doenza e poden contaxiarlla ás súas parellas. Con todo, débese resaltar que son os varóns a principal vía de transmisión do virus, tal como explica, en declaracións a Sermos Galiza, a médica da unidade de patoloxía cervical do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHUP) Eva Rodríguez. Ao redor dun 75% das mulleres e dun 85% dos homes sexualmente activos inféctanse de papiloma ao longo de toda a súa vida, segundo cifras achegadas a este medio pola xinecóloga do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) María Calaza. Porén, na maioría dos casos adoita desaparecer do organismo co paso dos anos sen presentar ningunha lesión.

A persistencia da infección nas persoas que o contraen só acontece no 10% dos individuos, dos cales só o 1% chegará a desenvolver lesións neoplásicas asociadas a el.

O virus e o cancro

No referente ás mulleres, o virus está relacionado co 100% dos cancros de cérvix e das súas lesións precursoras, segundo dados aportados polo Boletín Epidemiolóxico Galego en base a estudos realizados pola Organización Mundial da Saúde en 2012. Esta mesma investigación tamén afirma que o papiloma está incluído entre os axentes etiolóxicos dos cancros de vaxina (nun 70%) e de vulva (45%). A pesar da crenza popular, o VPH tamén ten especial incidencia no sector poboacional masculino, sendo responsábel do 45% dos casos de cancro de pene e do 90% dos cancros anoxenitais. Estes últimos poden desenvolverse en mulleres; non obstante, «son moito máis frecuentes en homes, sobre todo naqueles que son inmunodeprimidos», aclara a doutora Rodríguez.

O virus tamén ten relación cos cancros orofarínxeos, de cavidade oral, de colo e de larinxe. E, ademais, a súa infección pode chegar a producir verrugas xenitais, unha lesión de importancia a pesar do seu carácter benigno, pois «pode chegar a causar no doente danos psicolóxicos», informa a doutora Calaza, e porque «precisa de tratamentos caros e complexos ou requiren de cirurxías que deixan secuelas e que moitas veces son ineficaces».

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 349 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]