Vacinas nasais? Un equipo da USC traballa no seu desenvolvemento

Membros do consorcio Nosevac (Foto: RPGalicia).
O proxecto baséase nun equipo colaborativo formado por 12 socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas-privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

As infeccións respiratorias bacterianas e virais contribúen significativamente á morbilidade e mortalidade global. Patóxenos causantes de enfermidades como a tosferina, a pneumonía, a gripe ou a Covid-19 teñen importantes implicacións para a saúde pública.

Para combater esta problemática desde etapas temperás da infección creouse o consorcio europeo Nosevac, no cal participa de maneira activa o CiMUS da USC (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela) a través dos grupos que dirixen Noemí Csaba e María José Alonso.

Durante os próximos cinco anos, o consorcio traballará para crear vacinas nasais combinadas, dirixidas ás infeccións respiratorias máis agresivas por bacterias, ademais de desenvolver dúas vacinas nasais bivalentes para previr a Covid-19.

“Até o momento, as vacinas dispoñíbeis contra estas enfermidades adminístranse por inxección intramuscular ou subcutánea e non preveñen eficazmente a colonización do trato respiratorio superior”, explica a investigadora do CiMUS da USC, Noemí Csaba. En consecuencia, o seu impacto na transmisión de patóxenos é limitado.

Previr a enfermidade desde a orixe

O consorcio Nosevac, coordinado pola Iniciativa Europea de Vacinas (EVI), traballa no deseño e avaliación de plataformas de vacinas nasais como un enfoque innovador para previr a etapa máis temperá de infección, inhibindo así a colonización, transmisión e enfermidade do tracto respiratorio superior.

O proxecto baséase nun equipo colaborativo formado por 12 socios e composto por grupos singulares de investigación de entidades públicas-privadas e empresas biotecnolóxicas da Unión Europea, Reino Unido e Suíza.

O proxecto contempla o desenvolvemento das seguintes candidatas a novas vacinas nasais:

Desenvolver formulacións de vacinas para a administración nasal de antíxenos baseados en ARN e proteínas.

Descubrir antíxenos bacterianos que favorecen a colonización do epitelio respiratorio.

Identificar os factores inmunitarios do hóspede humano para xerar protección a longo prazo contra as bacterias ou virus.

Abordar a aceptabilidade da vacinación nasal na poboación xeral.

E influír nas decisións políticas.

Nosevac, que conta cun financiamento de algo máis de 11 millóns de euros, prevé estabelecer vías estratéxicas de investigación para combater os patóxenos respiratorios, que abarquen aqueles con potencial para grandes surtos.

Ademais, conclúe a investigadora do CiMUS da USC, a organización “servirá como catalizador para a toma de decisións baseada en evidencia científica, tanto para a abordaxe de medidas políticas como para grupos investidores que poidan financiar os custos destas novas estratexias terapéuticas”.