Janssen inxectarase na Galiza primeiro a domicilio e Sanidade propón que tamén se destine a mariñeiros

(Foto: Xunta da Galiza).

Esta cuarta feira Galiza recibe 8.500 doses desa vacina

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que as vacinas de Janssen, farmacéutica da cal chegarán esta cuarta feira 8.500 doses a Galiza, empregaranse en primeiro lugar a persoas a domicilio.

Ademais, Galiza propón que se destinen tamén ao colectivo de mariñeiros, posto que ao ser monodose é "moi fácil de usar", algo que trasladaron ao Instituto Social da Mariña como organismo que debe inmunizar este colectivo, tal e como indicaron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade.

Na comparecencia a petición propia no Parlamento, o conselleiro de Sanidade precisou que a decisión de usar estas vacinas a domicilio débese á complexidade que deriva da dispersión poboacional, de maneira que ao ser estas monodoses facilítase a inmunización das persoas que se atopan en lugares afastados aos centros de saúde e puntos de vacinación.

Sobre as tripulacións dos barcos, o conselleiro de Sanidade destacou que esta vacina permite inocular unha dose e non depender do tempo embarcados para completar a pauta. "Non teñen que volver das mareas para pór a segunda", apuntou.

Comesaña, que cando compareceu aínda non transcendera a recomendación da Axencia do Medicamento estadounidense de suspender a vacinación de Janssen, dixo desta marca que "o máis atractivo" dela é o número de dose que está previsto recibir, da orde de 50.000 cada semana a partir de xuño.

O conselleiro de Sanidade indicou, na súa intervención, que o departamento que dirixe está agora "máis animado" en canto á planificación das vacinas, tendo en conta que a subministración agora consolidouse como máis regular. Desta maneira, a idea é inxectar os martes e os mércores as vacinas que se reciban os luns, para o que se citará a semana anterior aos cidadáns.

Neste sentido recoñeceu que un cambio coa recepción das vacinas a inicios de semana, unhas 150.000 doses, pode provocar que se suspendan as citacións, pero confía en que os cidadáns sexan comprensivos no caso de que ocorra esta situación.

O conselleiro de Sanidade avanzou que o Sergas prevé que o 29% da poboación diana da Galiza estea vacinada, con polo menos unha dose, a finais desta semana. Con datos deste luns,Galiza contaba con 546.630 persoas, o 23,1%, e a previsión é que a finais desta semana a cifra alcance as 685.130 vacinados, unhas 138.500 persoas máis (cifra que dependerá tamén do grao de asistencia).

Na súa comparecencia, explicou algunhas das liñas xerais da estratexia de vacinación nos próximos días. Por exemplo, avanzou que coa chegada de 8.500 dose de Janssen, prevista para o colectivo de entre 70 e 79 anos e que é dunha soa dose, farase a mencionada vacinación a domicilio.

Ademais, esta semana chegarán 7.500 dose de Astrazeneca, o que permitirá esta fin de semana vacinar 15.000 persoas do colectivo entre 60 e 65 anos. Coas 35.000 doses de Moderna, inucularanse persoas do grupo sete da estratexia de vacinación, persoas de alto risco (diálese, persoas que acoden ao hospital de día).

Pola súa banda, a portavoz do BNG en materia sanitaria, Montse Prado, reclamou ao conselleiro unha solución para os mutualistas e incidiu no "esforzo" que está a facer o persoal de enfermaría e de atención primaria, o cal pediu reforzar. 

Julio Torrado, por parte do PSdeG, destacou o proceso de vacinación é un "éxito de todos" e reivindicou a "lealdade" da súa formación a pesar dos problemas de colectivos como o servizo de atención no fogar, entre outros.