“Sen vacinas hai mortes”, advirten as biólogas e biólogos

O Colexio de Biólogas e Biólogos de Galiza reaxiu perante as “reiteradas noticias de intentos de relacionar a administración de vacinas coa aparición de determinadas enfermidades” e alerta de que “sen vacinas hai mortes”.

A vacinación é “o mellor método de prevención de enfermidades causadas por microorganismos”. Así o defende nun comunicado o Colexio de Biólogas e Biólogos de Galiza, que alerta de que “sen vacinas hai mortes”.

 

As biólogas e biólogos explican que as vacinas “son medicamentos biolóxicos” que “non son sempre todo o eficaces que deberían”, mais “non porque produzan efectos indesexábeis, senón porque non sempre o seu efecto beneficioso é todo o duradeiro que gostaría”.

 

O Colexio sae ao paso das “reiteradas noticias de intentos de relacionar a administración de vacinas coa aparición de determinadas enfermidades”, e aluden ao Trastorno do Espectro Autista (TEA). “Sen vacinas hai mortes, con vacinas non hai TEA”, aseguran as biólogas e biólogos.

 

O organismo expón que por unha banda aumentou o uso de vacinas e o número de persoas diagnosticadas con TEA, “a incidencia multiplicouse por 37, provocando unha grande alarma social”, mais sinala que a vinculación “foi desmontada e rexeitada por múltiples estudos científicos”. Porén, acrecentan, “produciuse un incremento no diagnóstico que xerou alarma social de consecuencias epidemiolóxicas nefastas”. Citan o caso de Minnesota (EUA), onde se reduciu a cobertura da vacina contra o sarampelo, papeiras e rubéola do 92% en 2004 ao 43% en 2014. A consecuencia, din, “o brote de sarampelo que provocou 93 mortes”.