Vacinas contra a gripe en tempos de Covid

A campaña de vacinación contra a gripe adiantouse unha semana para o persoal sanitario (Xunta da Galiza).
Esta terza feira, día 13, comeza a campaña de vacinación antigripal na Galiza para a poboación xeral. Faino nun contexto de pandemia co obxectivo de axudar a controlar mellor esta patoloxía respiratoria fronte a Covid-19. Até final de ano, Sanidade pretende garantir máis de 80% de cobertura entre os grupos de risco.

Desde esta terza feira até o 31 de decembro, Galiza conta con máis de 900 puntos activos de vacinación contra a gripe distribuídos por todo o territorio. Aos centros de Atención Primaria habituais hai que sumar residencias de maiores, centros de menores e centros de atención á discapacidade, ademais de centros sociais ou veciñais, principalmente do rural, onde persoal sanitario convocará con antelación os grupos de risco máis próximos. 

Comeza unha campaña chave para o conxunto da poboación, xa que chega no medio dunha pandemia que provoca procesos infecciosos con síntomas moi parecidos aos da gripe. Polo tanto, inciden as autoridades sanitarias, a vacinación contra esta patoloxía respiratoria estacional adquire unha relevancia especial, para reducir as dúbidas e protexer a poboación de risco de posíbeis complicacións que agraven a súa saúde.

Neste sentido, un dos obxectivos da vacinación masiva é mellorar o control da gripe fronte a Covid-19. É dicir, evitar a coinfección polo novo coronavirus e o virus da gripe, unha combinación que ademais de dificultar o diagnóstico pode empeorar a clínica dos doentes máis vulnerábeis.

Grupos de risco

'Contra a gripe temos vacina'. O lema escollido este ano pola Consellaría de Sanidade, unha mensaxe que pon o acento na dispoñibilidade e na eficacia dun fármaco que na campaña 2019-2020 alcanzou 65% de cobertura entre as persoas maiores de 65 anos, 50% entre o persoal sanitario e 55% entre as embarazadas, todos eles grupos da poboación diana da campaña.

Co propósito de reducir a incidencia da gripe entre estes colectivos, ampliados, a Dirección Xeral de Saúde Pública aspira a lograr 75% de cobertura entre os maiores de 65 anos e o persoal sanitario e superar 60% entre as embarazadas. Obxectivos moi "ambiciosos" que tamén buscan rebaixar, "na medida do posíbel, o impacto asistencial da patoloxía respiratoria no sistema sanitario".

Así, desde hoxe, están chamadas a vacinarse de forma prioritaria as persoas maiores de 60 anos e todas aquelas con patoloxías crónicas ou factores de risco. Tamén as mulleres embarazadas e as persoas que viven en residencias. A maiores, este ano Sanidade incorporou aos grupos diana as mulleres en puerperio, até os seis meses despois do parto, así como aos conviventes con persoas de risco, ademais de traballadores esenciais como policías e bombeiros, e traballadores expostos directamente a aves ou porcos en granxas e explotacións, mais tamén a aves silvestres.

Alta demanda

No arranque da campaña contra a gripe, que desde hai unha semana atende xa as peticións do persoal sanitario, o conselleiro Julio García Comesaña anticipou unha "alta demanda" por parte da poboación para vacinarse. 

 "Reclamamos a subministración diaria de vacinas, sobre todo nos centros grandes,se queremos evitar aglomeracións e segundas visitas innecesarias.

Un interese que confirman a Nós Diario desde a Asociación Galega de Enfermaría Familiar e Comunitaria (Agefec), que malia a súa solicitude dunha "dotación extraordinaria de enfermeiras de Atención Primaria para superar a taxa de persoas vacinadas, o aumento da vacinación no domicilio dos doentes e evitar aglomeracións nos centros de saúde", comezan a campaña sen ningún reforzo. 

"O Sergas investiu na especialización de enfermeiras de Atención Primaria. Porén, seguen nos hospitais, pola rixidez do sistema de contratación, e son máis necesarias que nunca, tamén para facer fronte á xestión da Covid-19", censuran. 

Sobrecarga

O colectivo de enfermeiras especialistas asegura que as axendas de traballo para os primeiros días de campaña están completas. "A demanda é moi alta e isto vaise traducir nunha forte presión para o sistema".

O primeiro en padecer a sobrecarga, din, é o persoal de admisión, "que leva semanas atendendo as consultas da poboación que se quere vacinar. Reforzouse a campaña informativa pero non se tomaron decisións até o último momento, como a apertura das axendas de traballo para poder citar con antelación", salientan.

Subministración

Neste sentido, manteñen que  desde o Goberno galego seguen sen atender unha "vella reivindicación" das profesionais. "Reclamamos a subministración diaria de vacinas, sobre todo nos centros grandes. Este ano faise máis urxente se queremos evitar aglomeracións e segundas visitas innecesarias. Cómpre unha entrega diferenciada para evitar a rotura de stock", aseveran desde Agefec. "Queremos facilitar o acto único de atención. Se un doente vén facer unha cura ou o seguimento de anticoagulación, o ideal sería que tamén levase a vacina. Pero vai ser difícil as primeiras semanas se non garanten a subministración diaria".

Reforzo da vacinación de proximidade

Como cada ano, os doentes máis vulnerábeis, dependentes e participantes nos programas de hospitalización a domicilio serán vacinados nas súas casas. Unha experiencia que pretende alcanzar, tamén, o seu grupo de conviventes. Co obxectivo de ampliar a cobertura e reducir a incidencia da gripe, a campaña de vacinación deste ano reforzará a súa presenza en asociacións veciñais e aldeas da contona rural. "Trátase de facilitar o acceso á vacina e de sortear as dificultades da poboación maior e dispersa do rural para se desprazar aos centros de saúde", din desde Agefec.