Vacinación sen cita previa: consulta onde recibir a primeira dose contra a Covid se aínda non a tes

A vacinación libre vai dirixida a persoas maiores de 12 anos. (Foto: Arxina).
En marcha a vacinación libre nas sete áreas sanitarias da Galiza, á que se sumará a comunidade universitaria esta segunda e terza feira con puntos específicos nos campus.

Desde primeira hora están abertos á cidadanía os puntos de vacinación masiva das sete áreas sanitarias. Abertos a todas aquelas persoas que desexen recibir a primeira dose da vacina contra a Covid sen necesidade de pedir cita. Unha medida que busca reducir o número de galegos aínda sen inocular, arredor de 200.000, a maioría de entre 20 e 39 anos.

De feito, esta iniciativa completarase esta segunda e terza feira, 13 e 14 de setembro, coa apertura de varios puntos de vacinación nos sete campus galegos dirixidos á comunidade universitaria.

Área de Ferrol

A área sanitaria de Ferrol ofrece un total de 2.000 ocos este sábado, tanto para autocitas como para aquelas persoas que acudan sen cita previa. A vacinación realizarase no FIMO.

Ademais, o 13 e 14 de setembro estabelecerase un punto de vacinación na Escola Politécnica Superior no campus de Esteiro, onde poderán acudir tanto estudantes como persoal universitario de calquera ámbito ou grao. Ese punto estará dispoñíbel entre as 09.30 e as 14.30 horas e de 15. 30 a 20.30 horas.

Área de Santiago e o Barbanza

Na área sanitaria de Santiago habilitaron este sábado 4.000 ocos para primeiras doses na Cidade da Cultura e outros 800 no Hospital do Barbanza. Tamén se inocularán segundas doses a diferentes colectivos no Hospital Clínico de Santiago, onde hai previstas 230 citas.

A USC contará cun punto de vacinación específico para a comunidade universitaria os días 13 e 14 no Auditorio Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida) de 9 a 20 horas

Área de Pontevedra e O Salnés

En Pontevedra, hai dispoñíbeis 2.700 ocos de autocita en quendas de mañá e tarde para maiores de 12 anos. Ademais, tamén nas quendas de mañá e tarde, hai prazas habilitadas para a vacinación libre, ao igual que ocorre no recinto feiral de FEXDEGA, en Vilagarcía de Arousa, con 717 ocos de autocita, mañá e tarde, para maiores de 12 anos e con vacinación sen cita ao longo de toda a xornada.

A comunidade universitaria poderá acudir esta segunda e terza feira ao espazo habilitado no recinto feiral de Pontevedra -rúa Alexandre Bóveda, s/n-) de 9 a 14.30 horas e de 16 a 21.30 horas.

Área da Coruña e Cee

No que respecta á área da Coruña, este sábado están citadas en IFECO un total de 3.600 persoas máis sobre a actividade xa programada, que inclúe 6.000 ocos para autocitas e as persoas que acudan a vacinarse sen cita previa.

Finalmente, estudantes e persoal asociado á Universidade da Coruña na cidade interesados en vacinarse fronte á Covid poderán achegarse o 13 e o 14 de setembro a este mesmo espazo, Expocoruña, acordado pola súa proximidade ao campus de Elviña.

Área de Vigo

A área de Vigo, pola súa banda, ten reservadas no IFEVI un total de 9.500 doses, das que 8.000 destinaranse á vacinación libre e as restantes 1.500 a autocitas. 

Ademais, entre a segunda feira 13 e a terza 14 de setembro, prevén inocular 2.500 doses a persoal docente, investigador, de administración e servizos mais alumnado da Uvigo no Pavillón Universitario das Lagoas, en Marcosende, de xeito ininterrompido de 09 a 20 horas.

Área de Lugo, A Mariña e Monforte

Este sábado están abertos os tres centros de vacinación masiva de cadanseu distrito para que todo aquel que queira acuda a vacinarse sen necesidade de pedir cita. 

Tanto no Hospital Universitario Lucus Augusti, como no Hospital Público da Mariña, como no centro de vacinación de Monforte o horario de funcionamento é de 8.30 a 14.30 horas e de 15.30 a 19.00 horas.

Ademais, os días 13 e 14 de setembro, estudantes e persoal universitario do campus de Lugo poderá achegarse ao punto de vacinación instalado na facultade de Veterinaria de 10.30 a 13.30 horas e de 15 a 18.30 horas.

Área de Ourense, Verín e Valdeorras

Estes tres distritos teñen previstas unhas 3.600 doses da vacina contra o coronavirus para administrar esta xornada, con capacidade para superar esta cifra se así o esixe a demanda.

Os puntos de referencia para quen vacinarse son o recinto de Expourense, na capital das Burgas, e os hospitais públicos de Verín e O Barco de Valdeorras en cada unha destas localidades. Os tres no mesmo horario ininterrompido, de 9 a 21 horas. 

Esta mesma franxa horaria quedará activada no Edificio de Ferro, nunha carpa situada na entrada do edificio, nas Lagoas, ao servizo de estudantes e persoal universitario do campus de Ourense esta segunda e terza feira.

Persoas inmunodeprimidas

Este sábado, ademais, están chamados a se vacinar 400 persoas que recibirán a terceira dose de reforzo contra a Covid-19.

Sumaranse así aos xa 50 galegos e galegas que esta sexta feira recibiron a terceira picada nas áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago.