Jesús López Romalde: "Unha vacinación áxil evitará novas variantes"

Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía da USC. (Foto: Nós Diario).
A aparición de novas variantes do SARS-CoV-2 ameaza o descenso da transmisión comunitaria do virus na Galiza. Os datos apuntan que se contaxian máis pero non confirman que sexan máis letais. 'Nós Diario' conversa co catedrático en Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Que máis sabemos do coronavirus e que comportamento debemos esperar?

O que sabemos é que temos unha transmisión comunitaria moi elevada e que as medidas acordadas para frear os contaxios están funcionando de forma máis lenta do que nos gustaría. Ademais, todo apunta a un avance da variante británica, que se transmite máis facilmente pero aínda non hai datos científicos que permitan asegurar que é máis letal. Polo tanto, o que cabe esperar, se se transmite máis, é que haxa máis persoas contaxiadas que acabarán elevando a presión sobre o sistema sanitario.
 
Débennos sorprender as mutación do virus que se están detectando?

Non. A mutación é parte da natureza dos virus e máis dos que teñen como material xenético ARN. Neste caso, fálase moito da aparición de mutacións pero o certo é que o coronavirus muta menos ca outros virus porque  no seu ciclo de replicacións teñen certa actividade correctora de posíbeis fallos nas copias dos xenomas. Aínda así, hai que ter en conta que cando un virus invade unha célula prodúcense miles de novas partículas víricas. Entón, malia que a taxa de mutación do coronavirus non sexa tan elevada sempre se van producir alteracións na secuencia do xenoma. Moitas non van ter ningunha transcendencia pero outras si. É o caso destas novas variantes.

Debemos chamarlles variantes e non cepas?

De momento debemos chamarlles variantes. Unha nova cepa implica unha diferenza nalgunha característica fenotípica que permita distinguir unhas doutras. Que os antíxenos fronte a unha variante non sexan activos fronte a outra, que aumente a letalidade. Pero nada disto está comprobado aínda.

Por que se fala tanto das variantes británicas, surafricana e brasileira mentres comezan a agromar outras?

Porque teñen unha maior eficiencia na entrada da célula. Se tomamos o exemplo dunha chave e unha fechadura, están mellor adaptadas. A variante goza duns 'dentes' máis acaídos para entrar na 'fechadura' da célula, polo que van acceder máis facilmente. Se hai dúas variantes pelexan por entrar nunha célula e unha está mellor adaptada sempre vai gozar de vantaxe.

A transmisión seguirá favorecendo a mutación á espera de que avance a vacinación?

Os datos publicados parecen indicar que as vacinas que se están a empregar funcionan tamén fronte as variantes, malia que están deseñadas para seren efectivas fronte a variante dominante durante a primeira vaga. Mentres funcionen non hai por que cambialas, pero non significa que non vaian xurdir variantes para as que a vacina sexa menos eficaz. Hai que vixiar se durante o período de vacinación se seleccionen variantes para as que a vacina é menos efectiva. E para iso cómpre estar atento á evolución da pandemia, facer estudos epidemiolóxicos para saber que variantes son predominantes en cada caso e cambiar a formulación das vacinas para axustar a súa eficacia.

Pode chegar a aparecer unha variante que faga inútil a vacina?

Vai depender moito de que se vacine rápido. Canto máis tempo lle deamos ao virus máis posibilidades haberá de que aparezan novas variantes. Se se estabelece un plan de vacinación áxil para combater as variantes actuais, non debera haber problema. Se se demora moito no tempo, a presión selectiva pode favorecer a aparición de novas variantes máis resistentes. 

Estratexia ZeroCovid ou como eliminar a circulación do virus

Cos niveis de transmisión comunitaria actuais, Jesús López Romalde descarta o enfoquee ZeroCovid. "Igual se podía ter feito no final da primeira vaga, cando os niveis de transmisión eran moi baixos". Segundo explica, esta estratexia exixe unha capacidade de rastrexo moi alta e actuar tan pronto se detecta un caso, con medidas de restrición máis severas, similares ás do inicio da pandemia. "Serían máis duras pero tamén máis curtas, e funcionarían mellor nun escenario de baixa transmisión". 

O catedrático de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC pon o foco na vacinación e nunha planificación coordinada da campaña "mellor a nivel mundial" que implique a todo o mundo, xa que unha pandemia non se pode combater desde o local. A chave está na combinación de vacina, vixilancia epidemiolóxica e medidas de prevención sostidas.