Comeza a vacinación contra o virus do papiloma humano: estes son os beneficios

O xefe de Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres. (Foto: USC)
A vacinación contra o virus do papiloma humano (VPH) en nenos de 12 anos comezou na Galiza a pasada quinta feira. O xefe de Servizo de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón-Torres, advirte da importancia da vacinación contra este virus e aplaude a decisión de incluír os varóns como receptores da inxección.
 

O inicio do proceso de vacinación contra o VPH en varóns na Galiza sitúa o país como primeiro territorio do Estado español en comezar a inocular rapaces contra este virus pois, até o momento, só recibían esta inxección de forma xeneralizada as nenas. “É unha gran noticia”, indica Federico Martinón-Torres a Nós Diario, “coloca a Galiza na vangarda da protección universal fronte ao virus do papiloma humano e, polo tanto, será a primeira en lograr a eliminación do cancro de colo de útero".

As patoloxías do VPH

Se ben algunhas das patoloxías provocadas polo virus do papiloma humano poden ser “benignas, aínda que moi molestas”, como as verrugas xenitais, a consecuencia máis relevante é o cancro. “Neste momento sabemos que un de cada dez cancros que se producen nas mulleres están relacionados co virus do papiloma e, aproximadamente, o 5% do total dos cancros que coñecemos teñen que ver co VPH”, explica o pediatra, “polo tanto xa non é só unha vacina fronte ao cancro de colo de útero, senón tamén contra todos os cancros relacionados co virus, que inclúen o cancro de vulva, de vaxina, de pene e de cabeza de colon”.

"Un de cada dez cancros que se producen nas mulleres están relacionados co virus do papiloma"

Segundo sostén Martinón, cancros como o de cabeza de colon poden producirse en ambos os xéneros. De feito, “este cancro está en franco aumento de incidencia” e a súa “frecuencia resulta superior en varóns que nas mulleres”.

Segundo datos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM), despois dos cancros de próstata e de mama, o cancro máis diagnosticado no Estado en 2022, ao igual que en 2021, está a ser o de colon e recto, cunha porcentaxe superior en varóns.

A vacina en rapaces

Ante esta situación, Martinón recoñece que “se de min dependese, xa faría tempo que estariamos vacinando os varóns contra o VPH en todo o Estado español”. Segundo explica o pediatra “existen evidencias científicas de que o varón non é só unha fonte de transmisión do virus do papiloma humano, senón que tamén padece a infección e experimenta as patoloxías consecuentes do virus”. 

Os varóns tamén padece a infección e experimenta as patoloxías consecuentes do virus

Así, o pediatra indica que se esta decisión non se tomou antes foi porque “actualmente o custo relativo da medida é inferior que hai uns anos” pois baixou o prezo das vacinas e o propio número de inxeccións; “as doses para vacinar agora son só catro, mentres que antes eran seis”. Desta forma, a inclusión dos varóns nos procesos de vacinación só suporía “engadir unha dose máis ao calendario vacinal”.

Con todo, Martinón engade que a tardanza da medida tamén puido ser debida “a darlle prioridade a outras cuestións que se consideraban máis importantes ou porque non había recursos para levala a cabo”.

O pediatra recomenda seguir a vacinación contra o virus e anima aquelas mulleres que non foron inoculadas a facelo agora pois “incluso despois de estar en contacto co virus, a vacina aínda ten efectos protectores".  Nesta liña, conclúe que “está demostrado que esta vacina presenta unha eficacia superior o 90%”. Así o demostra o estudo 'KEN-SHE' realizado en Kenia e publicado na revista Preventive Medicine.