A vacina galega é 100% eficaz con ratos humanizados

Unha enfermeira vacinando a unha persoa. (Foto: Europa Press)
Unha das tres vacinas que están a levar a cabo os investigadores do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) é 100% eficaz contra o SARS-CoV-2 nos modelos de ratos ‘humanizados’. O seguinte paso será a realización de probas clínicas, que poderían comezar a facerse, se o aproba a Axencia Española do Medicamento, nunhas semanas.

Unha das tres vacinas das que están a desenvolver no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e que se fabricará no Porriño, na sede do Grupo Zendal, evidenciou unha eficacia do 100% en ratos “humanizados”. 

A revista Journal of Virology publicou que o candidato MVA-CoV-2, que está a utilizar como “vehículo” do virus vaccinia modificado de Ankara (MVA) para “transportar” unha proteína do SARS-CoV-2 que estimule a defensa inmunolóxica contra a Covid, probou a súa eficacia en modelos con animais e que está listo “para seguir avanzando cara ás probas clínicas”. Estas serán o seguinte paso a dar no desenvolvemento da vacina, que requiren dos permisos da Axencia Española do Medicamento, mais poderían comezar nunhas semanas.

O proxecto de vacinación para o SARS-CoV-2 que dirixen os virólogos Mariano Esteban e Juan García Arriaza é o máis adiantado das tres vacinas contra a Covid que se están a desenvolver no CSIC.  “Obvervamos que o candidato MVA-CoV-2 xera unha resposta inmunolóxica forte con produción de anticorpos neutralizantes e activación de linfocitos T en ratos”, explica Estaban, director do equipo do Centro Nacional de Biotecnoloxía.

“Describimos que a vacina confire unha protección do 100% contra o SARS-CoV-2 nun modelo de rato ‘humanizado’ –termo co que se describe no ámbito científico os ratos modificados na súa xenética e que teñen algún compoñente biolóxico funcional de orixe humana– susceptíbel a este virus, polo cal é moi importante”, infomou Arriaza, investigador do grupo. 

Nesta ocasión, o virus MVA foi modificado para expresar a proteína S completa do SARS-CoV-2, que é “a chave” que permite a entrada da Covid en células humanas. 

Incorporado no vehículo MVa, esta proteína prodúcese no momento no que o virus penetra a célula e é a que “ensina” ao sistema inmunolóxico como debe recoñecer a Covid real e como eliminala. 

O estudo demostrou que a administración dunha ou dúas doses deste candidato da vacina protexe ao 100% dos ratos “humanizados” da enfermidade e letalidade da causa pola Covid. Dúas doses da vacina produce a inhibición completa da replicación do virus nos pulmóns, aseguran os investigadores.