Falan os expertos: "A vacina funciona, mais o risco cero non existe"

Á esquerda, África González, catedrática de Inmunoloxía da UVigo; á dereita, Federico Martinón-Torres, coordinador do centro colaborador da OMS en seguridade vacinal (Foto: Nós Diario).
Malia que cada vez son máis as voces que instan a vacinar a mocidade para diminuír a transmisión do coronavirus, a inmunóloga África González e o experto en seguridade vacinal Federico Martinón sinalan a 'Nós Diario' que sería aconsellábel rematar primeiro a inmunización de todas as persoas vulnerábeis que aínda non recibiron o fármaco en diferentes países.

A Galiza atópase inmersa nunha acentuada escalada de contaxios a pesar dos avances na campaña de vacinación, con máis de 63% da poboación coa pauta completa. A piques de alcanzar a "inmunidade de grupo" —70%—, todos os indicadores da pandemia repuntan a valores de febreiro.

"Demos pasos importantes e a situación hoxe é moito mellor, mais aínda hai xente vulnerábel sen a pauta completa, e incluso para as persoas que teñen un risco menor e están sen vacinar, que o risco sexa menor non implica que sexa cero. A vacina funciona moi ben porque reduciu drasticamente as hospitalizacións e as mortes. Con todo, ningún remedio ten unha eficacia absoluta de 100%", explica en conversa con Nós Diario o coordinador do centro colaborador da Organización Mundial da Saúde (OMS) de seguridade vacinal, Federico Martinón-Torres. Malia o relaxamento das restricións sociosanitarias, insta a "non baixar a garda".

África González, catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (Uvigo), lembra que unha persoa tarda "entre dúas e tres semanas" após a primeira dose en xerar os primeiros anticorpos, e "entre unha e dúas" tras recibir a pauta completa para poder considerarse inmunizada.

A influencia das variantes

A predominancia da variante Delta da Covid-19 é outra das cuestións que están a alertar a poboación. "A vacina protexe de desenvolver unha doenza grave, mais non impide os contaxios porque non son esterilizantes, polo que unha persoa vacinada tamén podería contraer e transmitir o virus. Isto pasa especialmente coa xente que ten unha soa dose, o risco de contaxiar increméntase, sobre todo cando medra a incidencia", sostén González, quen descarta "polo de agora" que se precise unha terceira dose para completar a inmunización malia que se teña rexistrado unha "pequena diminución na resposta inmune, sobre todo en persoas sen a pauta completa".

Tamén Martinón incide en que, a pesar da "constante evolución" do coronavirus cada vez que pasa dun corpo a outro a aparición de novas variantes non implicará unha mudanza radical na protección que ofrecen os fármacos: "Funciona como unha ferradura; pode ser que cada vez vaia entrando peor, mais non vai aparecer de súpeto un virus totalmente novo que esquive a vacina".

"Cando chegou a variante Alfa [británica] dicíase que ía matar os nenos, que tiña máis mortalidade... E o único que se puido demostrar foi que a transmisibilidade era un pouco maior. Con todo, que non acontecese até o momento non significa que non poida pasar. Malia que hoxe teñamos menos hospitalizacións, estanse a sobrecargar a Atención Primaria e os sistemas de rastrexo, e o risco nunca é cero", engade.

Cómpre adiantar a vacinación da xente nova?

A incidencia da Covid-19 entre as persoas menores de 29 anos está a rexistrar valores moi superiores aos do conxunto do país, polo que unha das cuestións que máis se están a debater estes días é se sería axeitado principiar cando antes a inmunización deste grupo poboacional. Porén, tanto González como Martinón discrepan desta estratexia.

"Poderiamos falar da importancia de vacinar a xente nova polo impacto na transmisión, xa que se unha persoa se contaxia e ten a pauta completa a posibilidade de espallar o virus é dez ou quince veces menor, e falamos dun grupo con moita interacción social. Porén, mentres en Europa falamos de vacinar os mozos, en moitos países do mundo apenas cubriron 1% da poboación e hai aínda millóns de persoas vulnerábeis", argumenta o doutor, que salienta que para vacinar as e os menores de idade "aínda teñen que referendalo os estudos".

Na mesma liña apunta África González: "Nunha pandemia todos os países deberían facer caso á OMS, que leva tempo advertindo disto. Se os cativos contaxian menos e enferman menos, non ten sentido vacinalos antes que outras persoas que están a morrer por todo o mundo".

Alén da "cuestión ética e moral", ambos os dous alertan de que a pandemia "non rematará mentres non haxa vacinas para todos". Tamén no caso concreto da Galiza insisten en "axilizar a vacinación das persoas máis vulnerábeis", xa que, lembran, aínda quedan persoas maiores de 60 anos agardando pola segunda dose de AstraZeneca.