A vacina que desenvolve a USC con tecnoloxía propia será "fácil de producir" e "moi barata"

Martínez Costas (Foto: USC)
O investigador principal avanza que poderá conservarse a temperatura ambiente e asegura que "non se prevé que teña efectos secundarios adversos".

Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) traballan cunha tecnoloxía propia no desenvolvemento dunha vacina contra a Covid-19 que, segundo o científico que lidera o proxecto, José Martínez Costas, será "fácil de producir" e "moi barata".

Este proxecto conta con apoio da liña destinada a combater e paliar os efectos da pandemia do programa de micromecenado 'Sumo Valor' da universidade, segundo detallaron fontes do mesmo, e atópase liderado por José Martínez Costas desde o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQus).

En concreto, o equipo traballa no desenvolvemento dunha vacina contra o SARS-CoV-2 desde o pasado ano, para o que emprega unha tecnoloxía propia baseada na utilización de microesferas cargadas coas proteínas adecuadas para cada caso.

Deste modo, conseguiu dúas versións do preparado e detectou que unha delas era moito máis potente tras realizar probas no Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA-INIA) de Madrid, co que coopera.

Proximamente, levaranse a cabo os ensaios de seguridade, eficacia e resposta a anticorpos en ratos no centro de investigación alemán Helmholtz. Se os resultados son positivos, efectuaranse probas con macacos no Centro de Investigación Biomédica sobre os Primates (BPRC) dos Países Baixos e iniciarase a tramitación para comezar os ensaios clínicos en humanos.