Sen vacina contra a Covid, o número de persoas ingresadas superaría o millar

Persoal sanitario administra a vacina contra a Covid-19. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).
A incidencia da Covid entre a poboación de máis de 70 anos rolda os 70 casos por 100.000 habitantes mentres supera por moito os 1.000 entre os menores de 29. As vacinas funcionan. E cumpren coa eficacia prometida malia a aparición de contaxios entre as poboación inmunizada. Entra dentro do esperado, advirten os expertos.

Nas últimas semanas Galiza "triplicou" o número de contaxios entre persoas vacinadas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, recalcou este dato tras a reunión semanal do Comité Clínico para advertir que o incremento de casos entre os grupos de idade xa inmunizados tamén ten a súa réplica nos hospitais.

A forte interacción social, maior entre a xente nova, pendente de se incorporar á vacinación masiva, está a estender os contaxios a "pais e avós", dixo, polo que, malia contar cunha presión asistencial "controlada", chamou a "non baixar a garda".

Cada vez máis, as persoas que xa contan coa pauta completa da vacina contra a Covid-19 están a gañar presenza nos discursos e nos titulares como albo da pandemia. Mais non deben converterse na principal referencia para ver e entender a eficacia da vacina, advirte a comunidade experta.

"As vacinas están a funcionar, e obsérvase sobre todo na diminución da incidencia da Covid", explica a Nós Diario Daniel González Peña, profesor da Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo no campus de Ourense e autor do 'Semáforo Covid Galiza'. "É o que mostran os datos, tanto na Galiza como no conxunto do Estado. A incidencia dos grupos de idade segundo se foron vacinando foise afastando da incidencia do resto da poboación".

A evidencia do funcionamento das vacinas é "concluínte", afirma. "E funcionan ao nivel dos ensaios clínicos xa que estamos a validar a eficacia prometida sobre o terreo". Neste sentido, González Peña asegura que todas as expresións "que nos poden levar a dubidar do impacto positivo das vacinas están dentro do cabería esperar. Todo ten explicación e ningunha é que as vacinas non estean a funcionar".

A vacinación corrobora a eficacia dos ensaios

Desde o servizo de Medicina Preventiva da área sanitaria de Santiago e O Barbanza, Cristina Fernández defende tamén a efectividade das vacinas. "Dependendo do tipo de fármaco teñen unha eficacia que oscila entre 80 e 95%. A vacina protexe da severidade da enfermidade pero non evita que unha persoa vacinada poida infectarse e pasar a doenza de forma leve ou asintomática".

A xefa do servizo de Medicina Preventiva do CHUS considera probada a eficacia da vacina contra a gravidade e a mortalidade da Covid, segundo o avaliado nos ensaios clínicos. Así, o risco de acabar no hospital para unha persoa xa inmunizada "depende máis das súas patoloxías concomitantes, e isto está relacionado coa idade, por suposto", que segue a ser un factor a ter en conta, advirte.

Seis veces menos hospitalizados

A ministra Carolina Darias situou en 5,5% a porcentaxe de poboación vacinada contaxiada nas últimas datas. Desde o Reino Unido apuntan 47% dos casos novos diagnosticados en persoas coa pauta completa e veñen de rebaixar de 60 a 40% a porcentaxe de doentes ingresados polo coronavirus coas dúas doses. A respecto destas e doutras cifras que insisten na taxa de infectados ou hospitalizados vacinados,

Se non tivésemos a vacina teriamos seis veces máis pacientes Covid nos hospitais a día de hoxe

Daniel González Peña é rotundo. "Cando nos vacinemos todos, a porcentaxe será do 100%. Quero dicir que é normal que pase. Son datos que van ir mudando e aumentado a medida que avance a vacinación". Neste momento, só coa metade da poboación vacinada, o único que fan é confundir a cidadanía, cando entra do esperado, di. "Ese 5,5% de persoas vacinadas infectadas con 50% da poboación inmunizada do que falou a ministra de Sanidade corrobora exactamente unha eficacia da vacina de 95%".

Así, conclúe, o que importa é que está baixando o total de hospitalizados. "Se non tivésemos a vacina teriamos seis veces máis pacientes Covid nos hospitais a día de hoxe. Esta é a mensaxe. Os datos precisos sobre o número de hospitalizados vacinados tamén pode ser de interese, pero para un analista de datos que estea a monitorizar a eficiencia da vacina".

As persoas vacinadas infectadas contaxian

Máscara, hixiene e distancia social. Desde o servizo de Medicina Preventiva da área de Santiago e O Barbanza non mudan a recomendación fundamental á hora de previr a transmisión do coronavirus.

Sobre o impacto da Covid e o comportamento das persoas vacinadas que resultan contaxiadas unha vez inmunizadas, Cristina Fernández, xefa do servizo, é firme: "contaxian". Polo tanto, están obrigadas a respectar a corentena de 10 días fixada para todos os infectados. "Os que non fan a corentena son os contactos estreitos vacinados". A respecto da calidade dos contaxios asegura que, de momento, non hai estudos que precisen se transmiten máis ou menos carga viral, "pero xa vimos casos de conviventes vacinados cun positivo infectado vacinado".

Últimos datos

Galiza experimentou unha nova repunta dos contaxios diarios e un incremento de casos activos que afectou lixeiramente as hospitalización. Nas últimas 24 horas computadas polo Sergas diagnosticáronse 1.483 positivos novos que elevan as infeccións activas a perto das 14.000. Acumulan 29 xornadas consecutivas de ascenso para se situar en 13.963, case o dobre dos rexistrados hai sete días.

Coa taxa de positividade de todas as probas diagnósticas por riba de 10%, a suba dos contaxios incrementou só nunha persoa a presión hospitalaria. Hai 175 pacientes ingresados pola Covid, dos cales 153 recupéranse en planta, sen cambios, e 22 en unidades de críticos, un máis.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria sobe nas da Coruña e Pontevedra e redúcese nas de Ourense, Vigo e Santiago. Mantense nas de Lugo e Ferrol.
A incidencia acumulada mantén unha lixeira tendencia á alza, perto dos 500 casos por 100.000 habitantes a 14 días, unha cota que superan as cidades Ourense Pontevedra e Vigo.

Pola súa banda, a razón de taxas comeza a amosar os primeiros indicios de desaceleración, o que indicaría unha contención no crecemento dos contaxios.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galiza desde o inicio da pandemia continúan en 2.443.