Vacaloura, un santuario para animais de granxa

[Imaxes Vacaloura]

Antiespecismo e veganismo unidos en defensa dos seres sentintes.

 

Vacaloura é un proxecto que abrangue traballo voluntario e compromiso en defensa dos aninais. Un proxecto social posto en andamento por Mario e Inés e que hoxe se atopa localizado ás aforas de Compostela. 

Comezaron nun baixo, mais o espazo ficaba pequeno para albergar os animais e decidiron desprazarse até o extrarradio. "É un refuxio de descanso para animais de granxa", sinala Mario en conversa con Sermos Galiza. En Vacaloura conviven a día de hoxe porcos, eguas, coellos, ovellas e burros, entre outras especies. Xunto coa súa compañeira, Inés, decidiron hai anos pór en andamento unha iniciativa baseada no "antiespecismo" e o "veganismo". Unha ideoloxía que loita en contra da "discriminación dos animais non humanos", apunta Rosalía Balboa, unha das voluntarias do santuario animal. 

Unha vida sen explotación animal

O seu obxectivo é garantir que os días que restan da vida destes animais sexan respectados sen seren sometidos a ningunha forma de explotación. Trátase dun refuxio que salvagarda os seus intereses en tanto que "animais sentintes". No santuario equiparan a vida de calquera dos animais á das persoas e opóñense a que estes sexan aproveitados polo ser humano para beneficio propio. 

"Cremos que o especismo é unha forma de discriminación igual que racismo ou o sexismo"

A Vacaloura chegan ratas de laboratorio que ían camiño do matadeiro ou exemplares doutras especies que ían ser sacrificados. "Cremos que o especismo é unha forma de discrimación", apunta Rosalía Balboa, de igual maneira que o é o racismo ou o sexismo. Ela leva máis dun ano colaborando co proxecto, no que participa como voluntaria. "Desenvolvemos distintas tarefas, limpamos, dámoslles de comer...", sinala. 

O obxectivo dos santuarios non dista moito daqueles que impregnan os refuxios de animais convencionais mais distan destes en que acollen especies máis alá dos cans e gatos e, asemade, difunden o dereito destes a vivir sen seren utilizados polo ser humano. 

"O veganismo é unha consecuencia do antiespecismo", di Balboa, "non é unha dieta". Neste senso, as persoas que coma ela son veganas non procuran unicamente unha alimentación baseada en vexetais senón tamén --e sobre todo-- unha vida da que fique excluída calquera forma de explotación animal, desde a vestimenta a produtos de cosmética.

Voluntariado

En Galiza hai só un outro espazo coma este, localizado en Monforte e no conxunto do Estado "nove ou dez, contando Vacaloura", sinala Mario. "Entre nós estamos comunicados através de Facebook e partillamos información", acrecenta, até o punto de repartírense animais cando algún deles está cheo. 

Sacar adiante un proxecto coma este baséase fundamentalmente no compromiso das persoas que o integran e no voluntarismo, como o de Rosalía, quen non dubida en asegurar que dedica boa parte do seu tempo libre a Vacaloura porque cre "na causa e nos principios básicos cos que traballan". 

Non é doado, nun país como Galiza, tan vencellado culturalmente ao agro, sacar adiante un santuario animal e espallar as súas ideas. Porén, contan co apoio de múltiples persoas que acheguan recursos humanos e económicos para continuar adiante. 

Neste senso, botaron a andar unha campaña de microfinanciamento através da plataforma Teaming. Un euro ao mes co que continuar a habilitar o espazo para acoller novos animais. Aliás, teñen un "mercado solidario" e unha tenda online coa que obter financiamento. "É difícil" sacar adiante o proxecto, afirman, porén non desisten en procurar apoios para unha iniciativa que vai para alén de protexer a vida daqueles animais que acollen no santuario e ten por obxecto procurar apoios para unha causa máis ampla: "vivir sen usar animais".