O proxecto Ágora desembarca en Madrid

O responsábel de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, reivindicou onte a necesidade de crear "liñas vermellas de calidade" ao actuar nos elementos urbanos de vilas e cidades para "crear un bo hábitat para as persoas".

O responsábel de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, reivindicou onte a necesidade de crear "liñas vermellas de calidade" ao actuar nos elementos urbanos de vilas e cidades para "crear un bo hábitat para as persoas".

Así o manifestou en Madrid, durante a súa participación como relator na xornada sobre a Nova Bauhaus —movemento impulsado pola Unión Europea— organizada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, na que tamén estiveron presentes o ministro, José Luis Ábalos, e representantes do Parlamento e a Comisión europea. Neste evento, a Facultade Ágora que organizou nos últimos meses a Deputación foi seleccionada e considerada como unha "iniciativa aliñada".

Benítez realizou unha análise comparada entre o hábitat natural e o humano, pondo de manifesto o "crecente interese por protexer o primeiro fronte á laxitude á hora de implantar estándares mínimos de calidade cando se deseñan ou reforman espazos públicos para a convivencia das persoas".

Aliás, o deputado explicou que, no proxecto Ágora, para redeseñar o espazo habitado buscáronse "todos os datos precisos" para converter ás persoas que usan a vía pública en protagonistas "no referido á funcionalidade, estética, sostibilidade e inclusión".

Neste senso, puxo sobre a mesa algúns exemplos como "canto espazo precisan para camiñar e convivir e canto ocupan", concluíndo que as beirarrúas deben ter "entre 2,5 e 3 metros de largo".

Por outra banda, Benítez instou a aproveitar o proxecto da Nova Bauhaus Europea "para que rexurda o sentimento de convivencia na Unión Europea".