Uxío Benítez: "Hai que protexer o espazo público, o único que é de todos, o máis esquecido"

Uxío Benítez, deputado de de Mobilidade, Espazos Públicos e Cooperación Transfronteriza. (Foto: Deputación de Pontevedra).
A Rede Ágora da Deputación de Pontevedra vén de clausurar a primeira edición dunha das apostas máis ambiciosas en materia de coñecemento para a transformación do espazo público, a facultade Ágora. 'Nós Diario' conversa co deputado, Uxío Benítez sobre a experiencia inicial desta iniciativa na que participan 54 concellos.

-Que é e como xorde o espazo de coñecemento Ágora que botou a andar no mes de abril?

A Facultade Ágora é unha das iniciativas da Rede Ágora de concellos polo espazo público e foi concibido especificamente como un curso de formación dirixido aos técnicos e aos políticos dos concellos adheridos á rede. Nós entendemos que hai un déficit de formación sobre o espazo público, o que queda entre a fachada e o canto da beirarrúa, que nunca foi froito de investigación, formación e debate. Neste sentido, a Facultade Ágora é unha ollada multidisciplinar sobre o espazo público, un curso onde non só falasen arquitectos e enxeñeiros, tamén xeógrafos, sociólogos, ambientalistas, paisaxistas, policías locais, políticos, fotógrafos, deportistas, médicos. Desa visión plural sacaremos unhas conclusións moito máis frutíferas.

-Cómpre máis espazo e un espazo público alternativo?

Evidentemente. De aí a orixe da Rede Ágora, unha rede de acción institucional a prol do espazo público entre a Deputación de Pontevedra e os concellos que decidiron adherise, neste momento, 54 dos 61 da provincia. De aquí a final de mandato ten un obxectivo estratéxico, que é conseguir maior espazo público para as persoas da provincia de Pontevedra. A nosa idea, chegado o mes de xuño de 2023, é cuantificar os metros cadrados que gañou a cidadanía grazas ás políticas de recuperación de espazo público que poñan en marcha os concellos, espazo público entendido un elemento crucial para a sociedade.

-De que ferramentas e principios básicos dispoñen os municipios para incrementar o seu  espazo público?

Cada concello avanza á súa propia velocidade pero todos, no momento de integrarse na rede, asumiron os dez principios Ágora, que recollen a filosofía e  cuestións concretas que deben cumprir. O primeiro é entender que o espazo público é un dereito, ao mesmo nivel que a sanidade e a educación. É o hábitat onde a especie humana desenvolve a súa vida, onde os nenos poden xogar, onde as persoas maiores poden xuntarse e falar, onde se pode facer deporte, onde se poden facer actividades culturais ou promover accións comerciais de rúa. Ese é o único espazo que é de todos, o máis esquecido e temos que protexelo. 

Todos os principios desenvolven esta filosofía e exixen actuacións acordes con eles. Así, os concellos están comprometidos a promover os hábitos saudábeis da veciñanza, a autonomía infantil, unha mobilidade inclusiva e a que todos os proxectos que emprendan garantan uns mínimos de calidade para dispoñer de espazos públicos dignos, de polo menos 2,5 metros libres de obstáculos para que as persoas poidan camiñar. 

-Que balance fai dos primeiros meses de formación Ágora?

A verdade é que nos vimos un pouco desbordados pola demanda. O obxectivo inicial era dirixirnos aos técnicos e políticos municipais que están tomando decisións no día a día e ao final tivemos que ampliar o número de prazas de 100 até as 210 que se acabaron ocupando con persoal de consultoras, estudios de arquitectura e de enxeñaría que traballan para os concellos. Mesmo recibimos xente de fóra, como é o caso de Logroño que pagou a matrícula de oito técnicos municipais ao entender que se trata dunha iniciativa moi interesante. Ademais desta aceptación, o nivel de participación foi moi alto en cada unha das sesión na que ademais de atender as explicacións dos especialistas tamén se analizaron casos prácticos, exemplos de actuacións que se desenvolveron na provincia, coas que se pretendía mostrar como aplicar a filosofía a solucións prácticas.

Primeiras mudanzas inspiradas por Ágora

A Rede Ágora xa está a inspirar as primeiras mudanzas nos concellos da provincia de Pontevedra comprometidos co crecemento dun espazo público alternativo e sostíbel, confirma o deputado de Mobilidade, Espazos Públicos e Cooperación Transfronteriza, Uxío Benítez. "Hai uns meses sacamos unha convocatoria de axudas ben para subvencionar a redacción de proxectos cun 90% ben para a execución de proxectos máis avanzados cun 20%", nun intento de consolidar as iniciativas daqueles concellos que xa tiñan dentro da súa estratexia política municipal actuar no espazo público.

Os primeiros resultados serán públicos nos vindeiros días, pero xa avanza a participación de 42 concellos, "oito no capítulo de obras e o resto no de proxectos, todos pensados en gañar metros para as persoas". Mentres se fan efectivos, a Rede Ágora prepara novas propostas ademais do regreso da Facultade Ágora en setembro.