Uxío Benítez cualifica de “éxito” a Facultade Ágora

Foto oficial da primeira promoción da Facultade Ágora. (Foto: Nós Diario)
Publicarase un libro coas conclusións deste proxecto da Deputación de Pontevedra.

O deputado de Mobilidade e Espazo Público da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que tamén foi o responsábel da organización da Facultade Ágora, cualificou como “un éxito absoluto” tanto a inscrición, de 213 persoas, como a asistencia e a interacción nos seminarios de Ágora. Finalmente foron 124 as persoas que aprobaron os exames requiridos para obter a titulación, “case a totalidade dos que se presentaran”, e que na quinta feira recibiron o título de técnicos Ágora no acto de clausura do programa en Pontevedra.

Benítez afirmou que o acto de clausura tiña por obxectivo “poñer en valor por primeira vez a formación de persoal técnico especialista na recuperación do espazo público”. 

O deputado valorou como “moi positiva, necesaria innovadora e diferente” a experiencia da Facultade Ágora, aínda que recoñeceu que non foi sinxelo debido á obrigatoriedade de desenvolver os seminarios formativos vía telemática pola Covid-19. Benítez abriu a porta a organizar novas edicións e agradeceu a colaboración de Rede de Cidades que Camiñan.

O titular de Mobilidade e Espazo Público anunciou que as conclusión e relatorios dos seminarios publicaranse nun libro. Este volume recollerá as diversas intervencións das poñentes ao longo dos seminarios, para ser distribuídas por colexios oficiais, escolas técnicas, concellos e institucións de toda Galiza e do Estado español.

Asegurou que a Facultade Ágora “é moi necesaria”, xa que o espazo público “é unha competencia estritamente municipal e recibe unha gran cantidade de cartos públicos, polo que hai que pensar ben como se gastan”.

Segundo a Deputación, un dos obxectivos destes seminarios era suplir “o déficit” existente nas carreiras oficiais, para o que se desenvolveu unha proposta “innovadora” pola súa “visión multidisciplinar do deseño urbano”. 

Neste sentido, Benítez detallou que o corpo docente da facultade estaba formado por persoal de até 14 titulacións diferentes: médicas, urbanistas, arquitectas, enxeñeiras, matemáticas, xeógrafas, escritoras e fotógrafas, entre outras.

"O espazo público é o único verdadeiramente democrático e ten que haber unha visión plural, olladas diversas", engadiu.