Uxía, voceira de Burla Negra: ''Había o mandato expreso de non pronunciar as palabras malditas: marea negra''

Burla Negra foi un colectivo de activistas vinculados ao mundo da cultura que se repuxeron contra a marea negra do Prestige, un petroleiro propiedade dun libio, capitaneado por un grego, asegurado por unha compañía británica, cunha carga fretada por unha firma de Xibraltar vinculada a unha corporación petroleira ruso-suiza e que veu afundir fronte ás costas da Galiza. Falamos cunha das voceiras e cara recoñecida: Uxía.

Como soubo do afundimento do Prestige?
Estaba en Compostela ensaiando e entereime pola radio, como sempre me entero destas cousas. Foi un shock. Nós xa tiñamos moitos precedentes e, non sei por que, presentín que era algo gordo.

Burla Negra mantivo as súas accións combativas até as eleccións de 2005. Cal era o obxectivo?
Canalizar a resposta da sociedade civil perante unha situación extrema. Eu fixen parte desta plataforma e tamén colaborei de maneira moi activa en Nunca Máis porque sentín que tiña que posicionarme de maneira responsábel perante esa situación. E coma min moitísima xente, desde o mundo da cultura até os milleiros de voluntarios e os mariñeiros. Era unha situación tan indignante que foi aí cando nos puxemos a traballar. E a reacción foi absolutamente modélica: todos á unha salvando a nosa casa, o noso mar, cada quen cos seus medios.

E os medios que vostede empregou foron a súa música. Cantou na manifestación dos paraugas e a súa voz soou polos altofalantes durante a Marea gaiteira. Como lembra estes momentos?
Con calafríos. Na protesta do 1 de decembro cantei o Alalá das Mariñas. Había moita indignación, moita raiva contida debaixo daqueles milleiros de paraugas. Ser a voz de miles e miles de persoas que quixeron lanzar desde a rúa un berro de dignidade... lembro con moita emoción todas as manifestacións que levou a cabo Burla Negra: a das maletas, a Marea gaiteira, a das cruces. Todas foron moi imaxinativas, moi creativas. Non faltou o humor. Derrochamos enerxía, arte e, dalgún xeito, creamos estilo (ri). Foi un xeito de lle mostrar ao mundo o que estaba a acontecer aquí, e facelo dun xeito diferente.

Crearon un estilo que chegou a ser moi molesto para o poder. Fraga, daquela presidente da Xunta, saíu ao paso das súas protestas e definiu a campaña Hai que botalos! como "unha morralla e unha porquería". 
Si, xerou moita incomodidade e diso se trataba, de demostrar o poder do pobo que é o que máis ordena. O PP amosou daquela a súa cara máis tremenda e converteuse nunha especie de apisonadora para facer calar a todo aquel que levantase a voz en contra. Eu fun dúas veces portada de La Razón (ri a gargalladas) e obxectivo de descualificativos, ao igual que outras persoas próximas a Burla Negra ou a Nunca Máis. Porén, as nosas razóns eran tan aplastantes que o desprestixio cara ao movemento era unha resposta á desesperada. Quixeron enterrar a marea negra, mais non o deron conseguido. Foi unha lección.

Como lograron rachar o muro mediático imposto? 
Con toda esa enerxía. As voces escoitábanse máis aló do muro mediático, e houbo moita xente de fóra, xornalistas freelance, que viñeron aquí facer reportaxes e entrevistas. Custou, mais a verdade saíu á luz. Foi complicado ao principio porque había o mandato expreso de que non se pronunciasen as palabras malditas: marea negra.

Mais editastes un xornal propio. Cumpría contrainformar?
Si, efectivamente. Xa non me lembraba diso! (ri) Foi fundamental termos un medio de comunicación propio para trasladar a nosa visión das cousas. Mais si creo que finalmente conseguimos derrubar ese muro.

Foi presentar a plataforma Nunca Máis no Centro galego de Madrid. Cal era a información que chegaba aló?
Había moitas cousas que se intentaban silenciar. Cando a xente se achegou aquí até as praias foi cando realmente comprobou a magnitude da catástrofe. Aínda así, cando nós fomos presentar a manifestación a Madrid a información xa se espallara, e o apoio foi inmenso nas rúas. Tamén cómpre mencionarmos os xornais que si informaron! (ri) E a pluma de Manuel Rivas, que contou todo o que nos estaba a suceder dun xeito tan visceral, tan emocional, que era outro xeito de facer, outra maneira de chegar á xente.

Que espera do xuízo?
Evitar a impunidade dos responsábeis na medida do posíbel. É terríbel que tardase tanto e que as demandas sigan vixentes.

Para finalizar escollín o título dunha curta incluída en 'Hai que botalos!' que aparece en forma de pregunta: Nunca Máis?
Non sei que pasaría se sucedese algo así máis unha vez. Nestes momentos, cando se van cumprir dez anos, non existe un plan de continxencia e hai moitas carencias. Non habería unha resposta contundente. Cómpre seguirmos a exixir unha maior protección do mar e das nosas costas. Hai que ter en conta que está a gobernar aquel que dicía que eran 'hilillos de plastilina' --en referencia a Mariano Rajoy. Eu non esperaría nada diferente.