A Universidade de Vigo incluirá no plan de docencia unha Cátedra de Feminismos 4.0

[Imaxe: Cedida] Vista aérea da Cidade Universidaria de Vigo (CUVI)

Un convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra permitirá á institución docente instaurar unha nova área educativa dirixida ao ensino científico e tecnolóxico desde o feminismo, a Cátedra de Feminismos 4.0.

A Universidade de Vigo presentouna hoxe, nun acto institucional no Pazo de Castrelos. A implantación da Cátedra está amparada baixo un novo convenio de colaboración ca Deputación de Pontevedra.

O obxectivo desta nova adhesión ao plan de docencia é xerar espazos de igualdade dentro do ensino universitario da ciencia e da tecnoloxía mediante a configuración de estudos, bolsas, cursos e seminarios que fomenten a perspectiva de xénero nestes ámbitos.

As carreiras relacionadas cos ámbitos arriba mencionados, tales como as enxeñerías, só teñen un 25% de matriculación feminina. Unha situación preocupante, como recalca a presidenta da Deputación Carmela Silva, e á que cómpre pór fin dando visibilidade a todas as mulleres destacadas nestas áreas.

Pola súa parte, o reitor da universidade, Manuel Reigosa, fixo fincapé na necesidade de instauración desta cátedra como forma de “educar a mocidade en igualdade e acadar unha sociedade máis xusta, igualitaria e feminista”.