A UVigo estudará o efecto da radiación UV nas algas da Antártida

Jesús S. Troncoso, Iván Franco, Mariano Lastra e Jesús López, investigadores da UVigo, viaxarán á Antártida. (Foto: UVigo)
O experimento será replicado en Corrubedo.

Os investigadores Mariano Lastra, Jesús Souza, Jesús López e Iván Franco, adscritos á Universidade de Vigo (UVigo) forman parte da expedición que, entre o 17 de febreiro e o 17 de marzo, desenvolverá unha campaña na Antártida.

Os científicos estudarán, por primeira vez, o efecto da radiación ultravioleta nas macroalgas, ao amparo do proxecto Radiant. 

Este proxecto está asociado á 36ª Campaña Antártica Española e é unha continuación de iniciativas anteriores. Segundo explicou Mariano Lastra,  durante as catro semanas que dura a campaña, na base Gabriel de Castilla da Illa Decepción, realizarase un "experimento de manipulación do medio natural".

Así, tratarán de "estudar que efecto combinado ten a temperatura e a radiación na descomposición da materia orgánica", expoñendo as macroalgas a determinadas horas de luz ultravioleta. 

Lastra, Troncoso, López e Franco atópanse xa en Punta Arenas (Chile) á espera de viaxar á Illa Decepción..

Da Antártida a Corrubedo

Durante o mes de permanencia na Antártida, os investigadores da Uvigo continuarán coas mostraxes dunha ducia de praias nas que levan traballando desde 2004. "Imos a repetir medicións do estado morfodinámico da praia", sinalou Mariano Lastra. 

Porén, o traballo destes científicos ten continuidade na Galiza, no complexo dunar de Corrubedo, en Ribeira (comarca do Barbanza). Alí, replican ao detalle o mesmo que fan na Antártida, para poder ensaiar metodoloxía e protocolo do experimento e para, ademais, poder comparar os resultados en latitudes diferentes.