Educación

O Ránking de Shanghai consolida a UVigo como a mellor universidade galega en canto a investigación

Imaxe de arquivo dunha aula impartida na Universidade de Vigo (Foto: UVigo).
O Ránking de Shanghái fai perder varias posicións á USC en 2023.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) descendu dos 500 primeiros postos das mellores universidades do mundo até situarse entre o 601 e o 700, de acordo co Academic Ranking of World Universities (ARWU) 2023, coñecido como o Ranking de Shanghái.

Esta caída da institución compostelá, que se mantivo durante cinco anos entre os 500 primeiros, implica que a Universidade de Vigo (UVigo) a adianta ao manterse no grupo 501-600. A da Coruña (UDC) non aparece entre os 1.000 postos que mostra a clasificación.

O ranking ARWU lidérano Harvar, Stanford, o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts e Cambridge. De entre as do Estado español, só nove están entre as 500 primeiras e as mellores son a Universidade de Barcelona e a de Granada, ambas as dúas entre os postos 201 e 300.

A UVigo figura entre o 10 e o 14 do ranking estatal, xunto coas universidades de Alacante, Navarra, Salamanca e Sevilla. A USC, en cambio, sitúase entre o 15 e o 21, xunto á Politécnica de Madrid, a Universitat Jaume I, a de La Laguna e a de Oviedo.

A institución compostelá levaba cinco anos consecutivos entre as 500 mellores do mundo e chegou a estar entre o 301 e o 400 nos anos 2016 e 2017, tres rangos por riba do seu posto actual.

O mellor lugar da viguesa no Ranking de Shanghái foi colocarse entre as 500 primeiras no ano 2012, mentres agora mantense estable, por cuarto ano consecutivo, no rango 501-600.