Universidade e igualdade

A UVigo aproba unha medida para paliar os paróns do persoal investigador por fenda de coidados

Consello de Goberno da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo é pioneira no Estado aprobando unha medida dirixida a paliar os paróns na carreira académica do PDI derivados da brecha de coidados.

De pioneira cualificaron desde a Universidade de Vigo a medida que vén de aprobar o seu Consello de Goberno pola que toda investigadora desta institución terá dereito a solicitar que a avaliación da súa produción científica, docente ou de transferencia sexa equivalente á media acadada nos cinco anos anteriores a atoparse en situación de crianza dunha filla ou fillo (até que acade os seis anos de idade), coidado directo dunha persoa familiar (até o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, que non poida valerse por si mesma por idade avanzada), de accidente ou enfermidade grave ou que estea a recibir atención psicolóxica prescrita por sufrir violencia machista. 

 

A profesora Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, afirmou que con esta medida o que se pretende é converter a Universidade nunha organización que non sexa ‘cega ao xénero’ e que recoñeza e axude a facilitar a compatibilidade da conciliación entre vida laboral, familiar e persoal a académicas e académicos que se atopen nalgunhas desas situacións.

 

"Preténdese converter a Universidade de Vigo nunha organización que non sexa cega ao xénero", afirmou Águeda Gómez

 

Así mesmo, a medida aprobada polo órgano de goberno universitario contempla que eses dereitos se poidan estender tamén a calquera investigador da Universidade que obtivese un permiso ou excedencia por razón dos supostos de crianza de fillas ou fillos e coidado directo dun persoa familiar.

 

A directora da Unidade de Igualdade salientou que mediante a aprobación desta medida, a Universidade de Vigo pasa a ser a primeira institución académica galega e do Estado que “aproba unha acción positiva, dentro das convocatorias propias de produción científica en investigación, docencia e transferencia, que aborda a denominada brecha de coidados por razón de maternidade, conciliación e ou violencia machista”, afirmou.

 

"A Universidade de Vigo pasa a ser a primeira institución académica galega e do Estado que aproba unha acción positiva nesta área que aborda a denominada brecha de coidados", afirmou Gómez

 

Na sesión do Consello de Goberno en que se aprobou, celebrada na segunda feira, o reitor Joaquín Reigosa salientou a existencia dunha inxustiza de base que fai parte do teito de cristal “que atopan as mulleres na súa carreira científica” e, engadiu que aínda que esta medida non vaia romper o teito, “si que recoñece esas dificultades e atrancos das mulleres durante embarazo e crianza das rapazas e rapaces”, asegurou.

 

Vai dirixida a tentar mellorar as situacións sociais que teñen que ver co coidado das crianzas, persoas maiores e outras situacións que produzan menoscabo

 

Reigosa engadiu que esta medida terá custo cero ao non implicar mudanzas na contía prevista para a avaliación da produción científica e de transferencia. Segundo esgrimiu vai dirixida ademais a tentar mellorar todas aquelas situacións sociais que teñen que ver co coidado das crianzas, persoas maiores e “queda aberta a máis situacións que produzan menoscabo na produción científica”, explicou.