Poden as crianzas comer as doce uvas en Noitevella? E froitos secos?

As crianzas menores de cinco anos non deben inxerir uvas enteiras. (Foto: Sonia Almudévar)
Estas son as recomendacións das persoas expertas de cara ás tradicións que caracterizan o último día do ano.

Chega máis unha Noitevella, unha das principais datas marcadas no calendario e á que asociamos tradicións como as doce uvas —frescas ou pasas— que comemos para despedir o ano saínte e saudar o entrante. Porén, hai que ter un especial coidado con esta froita, sobre todo cos máis cativos da casa. A Sociedade Española de Otorrinolaringoloxía e Cirurxía de Cabeza e Pescozo (SEORL-CCC, en castelán) lembra nestas datas que os nenos e nenas menores de cinco anos non deben comer as uvas, pois teñen un "alto risco de atragoarse ou asfixiarse" ao inxerilas.

Debido ao seu reducido tamaño e a súa pel esvaradía e o zume do seu interior, as uvas poden propiciar que as crianzas as traguen sen mastigar e xeren un tapón nas vías aéreas, impedíndolles respirar, alertan. O persoal de otorrinolaringoloxía, de feito, sinala que a uva é na actualidade o terceiro alimento que máis casos de asfixia provoca en crianzas menores de cinco anos e en maiores de 65.

Segundo os datos do INE referidos a 2020, o atragoamento accidental é a segunda causa de morte accidental no conxunto do Estado español por detrás das caídas, cun total de 2.511 nese ano, das que 11% foron por mor da inxesta de alimentos.

Por iso, os as persoas expertas recomendan que non as inxiran as e os menores de cinco anos, e cando se lles ofrezan aos nenos maiores desa idade, que si poderán comelas, terán que ser sen pel, sen pebidas e partidas en pequenos anacos de forma lonxitudinal para facilitar a inxesta. O mesmo acontece coas persoas de avanzada idade que teñan dificultades para mastigar.

Por outra parte, recoméndase non dar froitos secos nin caramelos, lacasitos ou doces semellantes a menores de cinco anos, dado que os fragmentos duros que se desprenden ao mordelos poden obstruír tamén as vías respiratorias. Lembran os otorrinos que os froitos secos deben ofrecerse moídos a todo menor de cinco anos.

Aliás, é conveniente que os adultos teñan unhas nocións básicas de primeiros auxilios para coñecer que facer se se produce un atragoamento. En caso de accidente, tamén é recomendable acudir de forma inmediata a un servizo de urxencias para que un especialista en otorrinolaringoloxía poida valoralo.