UUAA defende que o lobo "non está" en perigo de extinción na Galiza e pide máis axudas para paliar os ataques

Presentación do 'Informe sobre a situación do lobor no medio rural de Galicia'. (Foto: Europa Press)
A organización aposta por garantir a persistencia e conservación do lobo "en convivencia" coa gandaría extensiva.

Unións Agrarias aposta por unha "xestión integral" das poboacións do lobo, de maneira que se garanta a persistencia e conservación das especie, así como a convivencia coa gandería extensiva galega. Así o explicou esta quinta feira, en rolda de prensa, o responsábel da área de desenvolvemento rural da organización, Jacobo Feijoo, na que presentou o Informe sobre a situación do lobo no medido rural de Galicia, que enviará á Comisión Europea. O lobo, dixo, "non está" en perigo de extinción no país e "ninguén no rural" avoga pola súa desaparición, senón pola súa convivencia.

A continuación, fixo referencia aos ataques do lobo á gandaría galega, nos que detallou que unhas 2.203 reses gandeiras de media ao ano foron as declaradas, nos últimos cinco anos, mortas por ataques do lobo. Con todo, remarcou que non só son as perdas directas en reses, senón o aumento dos custos que inducen a necesidade de implementar medidas preventivas.

Unións Agrarias estimou que os danos reais directos superan os dous millóns de euros ao ano. Desa contía estimada, sinalou que a Xunta no ano 2023 dispuxo como orzamento anual de axudas en concepto de pagamentos 646.224 euros, aproximadamente 32% das perdas reais estimadas, o resto é soportado polos gandeiros.

Por tanto, UUAA baseou a súa xestión integral en varios piares, que pasan pola indemnización xusta dos danos aos gandeiros, axudas para medidas preventivas, a xestión de restos de animais para unha alimentación disuasoria e a caza regrada. Neste último punto, incidiu en que, aínda que a caza "nunca foi unha ferramenta" de xestión poboacional do lobo na Galiza, "dificultar esta posibilidade" nunha normativa de ámbito estatal "é un erro".

Aliás, explicou que "non están claras" que accións individuais de caza vaian autorizar a pedimento dos afectados, polo que pediu "clarificar a norma legal" para aclarar as condicións de autorización das accións puntuais de caza. Tamén fixo referencia á "preocupación existente" entre os gandeiros, pola "tendencia para criminalizalos e acusalos de falta de dilixencias".

En canto ás axudas, incidiu en que as destinadas á convivencia do lobo da PAC "deben ser para compensar" custos adicionais de manexo do gando, "non deben de utilizarse como escusa" para non compensar os danos con pagos directos.

Finalmente, remarcou que as liñas de axudas por pago de danos "deben de cubrir todas as perdas" con custos reais de mercado e ser áxiles na súa tramitación e pagamento, xa que un gandeiro "tarda en cobrar máis de nove meses" unha indemnización.

Risco "potencial"

No tocante ao "risco potencial" que solicitaba a Comisión Europea, explicou que en localidades como Celeiro e Ourol o lobo "abandonou o monte e caza na contorna das casas". Polo que este é un comportamento de "alto risco" cara ás persoas e, ante esta situación, "parece totalmente idóneo" que se utilice a caza selectiva mediante esperas —non batidas— realizadas por especialistas.