Usuarios e traballadores de residencias privadas apoian a folga convocada para 17 de marzo

Unha persoa asoma pola xanela da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentesdenuncia que os traballadores denuncian salarios "ínfimos" e unha carga de traballo "brutal".

A Alianza Galega polos Servizos Públicos para Maiores e Dependentes, conformada por asociacións de familiares, usuarios e traballadores de residencias, mostrou o seu apoio á folga convocada polos empregados dos centros de maiores privados a partir do 17 de marzo.

Nun comunicado, os colectivos confirman que  participarán nas mobilizacións de persoal das residencias privadas que terán lugar a próxima semana en Santiago e Vigo en protesta pola "precariedade das condicións salariais e laborais" que "caracterizan o traballo do persoal das residencias".

A Alianza manifestou que os traballadores denuncian salarios "ínfimos" e unha carga de traballo "brutal". Ademais, a asociación explicou que o actual convenio colectivo de Residencias Privadas de Terceira Idade expirou a finais do 2019 e que desde entón "a patronal négase a renovar o convenio ou a actualizar as táboas retributivas".

Manifestaron que son conscientes de que só uns traballadores ben pagos e cunhas condicións de traballo "dignas" poderán "achegar aos usuarios uns coidados que se caractericen pola súa calidade e humanidade no trato"

Por iso, desde a Alianza manifestaron a súa solidariedade e apoio á loita dos traballadores, así como a súa "vontade de apoiar e participar nas mobilizacións públicas que convocan os sindicatos".

A organización galega explicou que recoñecen "plenamente que é aos sindicatos a quen lles corresponde a tarefa de protagonizar as negociacións" e o labor de programar as manifestacións.

Ademais, manifestaron que son conscientes de que só uns traballadores ben pagos e cunhas condicións de traballo "dignas" poderán "achegar aos usuarios uns coidados que se caractericen pola súa calidade e humanidade no trato".

Por iso, aseguraron que participarán nas distintas mobilizacións e fan un chamamento a que tamén se somen todas aquelas organizacións que defenden uns servizos dignos de dependencia.