“Usuarios en liña diante de ti: 31.617”: colapsada a sede electrónica da Xunta

Durante horas, imposibilidade de realizar trámites a través desta ferramenta. A causa: un colapso pola avalancha para solicitar o bono turístico.

Mañá de colapso esta cuarta feira na sede electrónica da Xunta. Imposíbel tentar realizar algunha operación ou trámite a través desta ferramenta dixital da administración galega.

Ao intentar acceder un aviso advirte: “Agora atópase na cola” e xa apunta a que hai que armarse de paciencia pois sinala agarda de máis dunha hora para poder acceder a esta páxina.

Un escenario que xerou e xera inconvintes e problemas a cidadáns e cidadás que tiñan que acceder a esta sede dixital para realizar trámites que a propia Administración galega indica que se deben de facer usando esta ferramenta.

O motivo do colapso? Pois segundo recoñecen fontes da propia Xunta, a avalancha para solicitar o bono turístico #QuedamosEnGalicia.

Esta terza feira o DOG publicaba ese bono. Hai tres tipos de bonos: un de 250 euros -150 euros abonados pola Xunta e 100 euros polos beneficiarios-; outro de 375 euros -225 euros pola Xunta e 150 euros polos particulares-; e de 500 euros -300 euros pola Xunta e 200 polos particulares-.

A data límite para o seu uso será o 15 de decembro de 2021, concedéndose exclusivamente por orde de entrada de cada solicitude.

A demanda provocou que en poucas horas se esgotasen os 20.000 bonos dispoñíebis, segundo confirmou Vicepresidencia Primeira.da Xunta.