Persoas usuarias de Renfe critican os atrasos e as avarías constantes dos ferrocarrís

Dous trens agardando a saída na estación de tren de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
Viaxeiras e sindicatos exixen un sistema de tren de proximidade.

Renfe incrementou na Galiza 94,7% o número de persoas viaxeiras nos servizos ferroviarios en xaneiro e febreiro, con respecto ao mesmo período do ano pasado. En total, sumáronse 473.000 novos desprazamentos para alcanzar a cifra de 973.073 persoas usuarias de Renfe. Así o indicou onte a compañía ferroviaria, desde onde indicaron que este aumento da demanda coincide coa implantación dos abonos gratuítos para os viaxeiros e as viaxeiras frecuentes de Media Distancia así como da bonificación de 50% nos títulos multiviaxe dos servizos Avant.

A pesar deste aumento da demanda rexistrada por Renfe, as persoas usuarias continúan a denunciar os problemas sistemáticos cos que se encontran no día a día, principalmente no referido ás frecuencias e aos atrasos dos trens. A portavoz da plataforma Tren Media Distancia Galiza, Iria Méndez, explica a Nós Diario que “este incremento de persoas usuarias non se reduce só a que o tren sexa gratis, senón que hai unha enorme demanda de persoas que antes non podían pagalo ou que o facían con grandes sacrificios”. Méndez sostén que a configuración do servizo público ferroviario da Galiza “é moi ríxido”, xa que se basea unicamente nos trens de Media Distancia e os Rexionais, sen haber trens de proximidade no país.

Nesta liña, o portavoz do sindicato CXT, Juan Francisco Sánchez, reivindica a necesidade de instalar un sistema de proximidade, pois permitiría lograr dous obxectivos “chave”. Por unha parte, “aumentaríanse as frecuencias, que é un dos principais problemas que temos agora, principalmente nas conexións entre Vigo, Pontevedra e Santiago”.

Por outra parte, “conseguiríase que os billetes fosen máis baratos”, pois este sistema baséase nun modelo diferente, economicamente máis asumíbel que o de Media Distancia. Ademais, engade que cun sistema de proximidade poderíase “incluír o servizo galego ferroviario nas tarxetas dos consorcios de transportes que teñen as entidades públicas como a Xunta”.

Atrasos continuos

Outro dos principais obstáculos aos que se enfrontan as persoas usuarias no servizo público ferroviario é o referido aos atrasos que, de maneira habitual, son de 10 ou 20 minutos pero, en ocasións, chegan a superar a hora, sinala Méndez. Na plataforma teñen identificadas tres causas destes atrasos. Méndez sinala a situación na que se encontran as vías e a necesidade de “arranxos nas infraestruturas” -cuestións das que se ocupa Adif-, xa que “limitan a velocidade”.

En segundo lugar, sinala as “avarías constantes no material rodante”, do que se ocupa Renfe, chegando a “atopar trens con goteiras ou sen escalóns de baixada”. Engade o conflito dos e das maquinistas que teñen residencias en Vigo e que “protestan porque consideran que as quendas de traballo non se están a realizar coas garantías” necesarias.

Sánchez engade que desde o sindicato reivindican a instalación dos sistemas ERTMS, encargados de monitorizar a circulación dos trens, para “conseguir máis fiabilidade e corrixir os atrasos que se están dando”. Concorda con Méndez na necesidade de que Adif “arranxe os problemas da infraestrutura actual que supoñen limitacións de velocidade en treitos nos que se podería circular a 200 km/h nos que se reducen a 90 ou mesmo 60 km/h”. 

Sen recuperar varias liñas suspendidas durante a pandemia

Iria Méndez e Juan Francisco Sánchez aseguran que aínda non se recuperaron todas as liñas que se suspenderan durante a pandemia. Desde a CXT sinalan que quedan por recuperar as liñas de longa distancia entre a Galiza e Euskadi, que, anteriormente, contaba cun servizo diario, así como o tren nocturno entre a Galiza e Barcelona, tamén diario. Ademais, tampouco se recuperaron tres trens de ida e tres de volta entre Vigo e Pontevedra, e outros dous entre Vigo e Valença do Miño, que tiña unha parada en Tui na que xa non para ningún tren comercial.

Por todo isto, Sánchez critica que “Renfe ten unha serie de trens adscritos en función á demanda que había antes da implantación dos bonos”. Isto provoca que “Renfe estea circulando ao límite con todo o material do que dispón; non pode pór un tren a maiores”.