Usuarias e pacientes do CHUS denuncian o uso "ilegal" dos corredores de urxencias

Situación vivida nos corredores de urxencias do CHUS esta segunda feira 5 de xuño. (Foto: Nós Diario)

A Asociación de Usuarios e Pacientes do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela alerta de que continúa “o sufrimento e a vulneración de dereitos” dos e das pacientes.

O servizo de urxencias do CHUS volveu colapsar esta segunda feira ao acumular pacientes “en estado grave” nos corredores do complexo.

A este respecto, “o uso ilegal dos corredores de Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) constitúe unha vulneración sistemática e planificada dos dereitos fundamentais dos pacientes”, así o afirma a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS, que denuncia ademais que o uso do corredores do complexo como “almacén de persoas” resulta contrario á finalidade do servizo estabelecido na Lei de Saúde da Galiza e aos estándares de calidade fixados polo Ministerio de Sanidade.

A asociación afirma que esta segunda feira, 5 de xuño, ás 14 horas, “un total de 10 pacientes graves estaban a agardar no corredor de acceso a urxencias” e 37 doentes máis, co ingreso en planta xa asinado, “estaban a ocupar o espazo de traballo”. Esta situación pode comprobarse nas seguintes imaxes achegadas pola asociación de usuarias:

 

 

Máis dunha hora despois, ás 15.45 horas, “a pesar de que o coordinador do servizo e a xerencia foron advertidos da situación asistencial polo persoal sanitario”, o número de pacientes graves nos corredores central e lindeiros aumentou a 24, e 36 máis seguían agardando o ingreso en planta, segundo denuncia a asociación de usuarias do centro.

É a terceira vez que os corredores do CHUS son utilizados para pór pacientes ingresados, “deteriorando aínda máis a súa saúde e contravindo a normativa laboral que obriga a que as vías de tránsito e evacuación teñen que estar libres de camas e pacientes”.

Camas baleiras

A pesar do elevado número de pacientes que agardan para seren trasladados a planta, a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS informa de que o nivel de ocupación das camas entre as 8 horas do día 5 de xuño e as 8 horas do 6 de xuño era de 55%, e, ademais, “seguen sen utilizarse as camas dispoñíbeis do Gil Casares que permanecen fechadas de xeito permanente”.

Eloína Núñez, xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e Plácido Mayán, coordinador do servizo de urxencias, “persisten no seu exercicio de irresponsabilidade non só cara os e as pacientes, senón tamén cara o persoal do CHUS, que está obrigado a traballar en condicións de presión intolerábeis que afectan á calidade asistencial que recibimos”, denuncia a asociación. “Xestionan recursos pasando por riba da saúde de traballadores e pacientes, incumprindo, de xeito repetido e impune os principios reitores dunha vida digna baseada no respecto dos dereitos fundamentais das persoas”, sentencia o colectivo.